Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
O grupo de Investigación Síncrisis da USC recuperou unha mostra de materiais que lle permitirá coñecer en detalle como era a construcción do lugar durante a Idade Media

Enigma resolto no xacemento dubrés do castelo de Portomeiro

Entre plantacións de eucaliptos, canteiras e concentracións parcelarias descubríronse unha serie de elementos que xustifican a vida no Castelo de Portomeiro na Idade Media. A escavación nesta aldea do municipio de Val do Dubra, revela a viveza dunha época marcada na historia do noso país. Todo o proxecto comezou durante a etapa de investigación da tese de doutaramento do arqueólogo Mario Fernández Pereiro. A súa idea era localizar toda unha serie de castelos ocupados durante entre os séculos V e X e un dos obxectos de estudo que puxo en marcha foi o castelo de Portomeiro. Durante a tese non poideron escavalo pero si prospectalo. “O monte ardeu no outono do ano 2017 e así conseguimos descubrir a potencialidade que había. Ao arder eucalipto quedou todo o terreo bastante limpo e comezamos a atopar evidencias de muros a nivel superficial”, di Mario. Dende ese momento percibiron que o Castelo podía ter un potencial arqueolóxico. A finais de 2019 conseguiron financiación a través da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e decidiron intervir nel. Mario Fernández xunto a José Carlos Sánchez Pardo foron os directores científicos do grupo da investigación Síncrisis que levou a cabo as tarefas de excavación en colaboración coa empresa de arqueoloxía Tempos Arqueólogos.

Unha das características coa que se atoparon os primeiros días foi a conservación do que parecía unha porta. “Era unha das poucas evidencias dunha porta nunha muralla que se coñece así tan ben conservada en toda Galicia”, afirma Mario.

SEIS DÍAS DE INTERVENCIÓN. A exploración ía comezar o primeiro luns da corentena. Coa situación sanitaria do momento decidiuse atrasalo ata principios de xuño cando estabamos nas fases da desescalada. “Ahí entendimos que xa estaba a cousa un pouco máis controlada e que habería menos risco sanitario”, aclara.

A intervención, por parte dun equipo de oito persoas, durou seis días e cavaron unha superficie aproximada duns 50 metros cuadrados. Houbo tres sondaxes: unha realizada na porta para ver si realmente era unha porta e ver que evidencias arquitectónicas había conservadas, unha maior de máis de trinta metros cadrados nunha zona de muros ao lado dun penedo que é unha parte dun gran edifico que ocupaba gran parte do Castelo, e unha pequena noutro edificio que tiñan identificado en planta, de algo menos de seis metros cadrados, para ver que diferencias constructivas había nas estancias.

Durante o proceso de escavación conseguiron localizar varias evidencias de carbóns antigos que se poden datar por carbono 14 e restos dunha ostra que mandaron a datar.

Cargando reproductor ...

Mario explicando o que se descubriu na gran sondaxe realizada na esquina nordeste dun gran edificio que ocupa unha boa parte do interior do Castelo,o pasado 6 de xuño. Video: cedido

PRIMEIRAS HIPÓTESES. A día de hoxe, estase a realizar o estudo preliminar do material arqueolóxico recuperado que maiormente é cerámica. A idea dos interventores é que están ante un castelo da Idade Media. Tanto as probas de carbón 14 como o estudo preliminar da cerámica dilles que foi unha construcción ocupada entre o século VIII e IX. “Hai que afinar a cronoloxía, pero estariamos falando do momento en que o noroeste peninsular está reubicándose políticamente baixo a monarquía Ovetense e en proceso do descubrimento do Santiago Apóstol e todo o relacionado coa peregrinaxe”, explica en detalle Mario.

Tras finalizar as sondaxes viron que se cumpliran e incluso se superaran os obxectivos iniciais. “Este período é un dos menos estudados a nivel arqueolóxico en Galicia e conseguimos recuperar unha mostra de materiais desta época bastante grande que nos vai permitir coñecer como era o material e construcción do momento”, destaca.

VISITAS GUIDAS. Algo que Mario sempre intenta facer co equipo arqueolóxico que dirixe son charlas na propia parroquia onde se atopa o xacemento e visitas guiadas dos traballos realizados. Co tema do covid a charla previa non puido facerse. “Fixemos unha visita durante a intervención con xente da Asociación Cultural Larada que querían coñecer o xacemento e tamén organizamos nós unha dende a propia excavación”, conta. Coas restriccións o número de visitantes non podía ser moi amplo, pero Mario si percibiu moito interese por parte de todos. “A xente podía preguntarlle aos membros do equipo que estaban a facer, achegando o todos eles o noso proceso do traballo arqueolóxico”, comenta.

INVENTARIO DO MATERIAL. Nestas semanas están en proceso de inventariar todo o material. Lavalo, darlle un código, estudalo, ver que son as pezas e inserilas dentro dun marco cronolóxico-cultural, de iso se trata. “As cronoloxías de ocupación permítenos saber a funcionalidade da estancia, é dicir, si estamos nun almacén ou nunha zona de comedor”, explica. As cerámicas e as pezas de cristal e metal van a ser estudadas e despois irán para o museo que indique a Dirección Xeral de Patrimonio. Neste sentido, a propia Lei de patrimonio cultural pola que se rixe a arqueoloxía indica que un ano despois de rematar os traballos terán que estar depositado no museo. “Calculamos que a finais de decembro ou principios de xaneiro xa teremos afinado todas estas cuestións”, sostén.

A maiores, o equipo da excavación intentará realizar outra charla, no mes de outubro en Portomeiro, para contar en primeira persoa á veciñanza e a todos os interesados os resultados da intervención.

20 sep 2020 / 00:30
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.