Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Forzas de seguridade vixiarán festas privadas e aglomeracións en Ames

Advirten que situacións de risco como estas levan penas aparelladas de 100 a 60.000 euros

Ames. O Concello de Ames vai garantir, a través da Policía Local, o cumprimento das medidas sanitarias e as restricións establecidas fronte á COVID en fin de ano, cando activará un dispositivo especial de seguridade e vixilancia, incluíndo as posibles celebracións ilegais organizadas. Ademais, coordinará este dispositivo coas demais forzas e corpos de seguridade.

Deste xeito, o operativo estará centrado en evitar a celebración de festas privadas e aglomeracións, tanto na vía pública como en vivendas, baixos, locais e establecementos de turismo rural que supoñan un incumprimento das normas de seguridade sanitaria que están en vigor.

Desde a Policía Local infórmase que se ten coñecemento “de intentos de organización de festas de fin de ano, co evidente risco que para a saúde pública implican este tipo de prácticas. Trataremos de previr estas situacións de risco, evitar as aglomeracións e velar polo cumprimento das restricións de mobilidade nocturna que se establezan para a Noitevella, condutas que, se recorda, poderían levar a imposición de sancións de entre 100 euros, por non levar máscara, ata os 60.000 euros por poñer en grave risco a saúde pública”.

Os axentes vixiarán as celebracións privadas, que poderían levar a imposición de sancións, aplicables tanto ás persoas organizadoras e asistentes como ás persoas que aluguen os espazos para estas festas, segundo apuntan desde o executivo local. m. outeiro

30 dic 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito