Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Mellorarán a avenida da Peregrina e adxudicarase a monitoraxe dos concilia

A Maía. Ames celebra o pleno ordinario de marzo este xoves (20.30 h.), incluíndo a adxudicación do contrato de servizos de monitores nos programas de conciliación e a modificación puntual do PXOM para a reordenación do espazo urbano da avenida da Peregrina e travesía do Lodeiro, incluíndo o arranxo de parte dese tramo.

Deste xeito, a mellora viaria da Peregrina en Bertamiráns irá dende a intersección da avenida da Maía ata a rúa do Bosque (punto quilométrico 0+610), por un importe de preto de 82.000 euros.

Respecto dos concilias (Comedores Escolares, Bos días Cole e Tardes Divertidas), debaterase a adxudicación do contrato en tres lotes para a empresa A Billarda por preto de 3 millóns de euros durante un periodo de dous anos prorrogables a catro.

Por outra banda, proponse ao pleno a aprobación, se procede, dun recoñecemento extraxudicial de crédito, por valor de 281.572,89 euros, no que se inclúen gastos realizados no exercicio 2021, que son necesarios para o normal funcionamento de distintos servizos municipais. E aprobarase definitivamente o restablecemento do equilibrio económico do contrato de concesión da xestión e mantemento do complexo da piscina cuberta do centro deportivo municipal A Telleira.

Durante o período que vai do 14 de marzo de 2020 ata o 21 de xuño de 2020 dito contrato veuse alterado pola covid, e incluiría a aprobación dunha prórroga polo prazo de 18 meses para a xestión, explotación e mantemento do Centro deportivo municipal A Telleira, con finalización do contrato en 2024.

O último punto, incluído no apartado de deliberación e acordo será a aprobación dun convenio de colaboración coa Sociedade Estatal de Correos e Telégrafos, para facilitarlles aos contribuíntes o pagamento dos tributos e outras débedas de dereito público, a favor do Concello de Ames, a través da modalidade e xiro postal con posterior ingreso en contas de titularidade municipal.

Para rematar debateranse dúas declaracións institucionais: unha condenando a agresión a Ucraína, solicitando a retirada das tropas rusas, e outra de apoio á candidatura de Ángel Carracedo ao Premio Princesa de Asturias. M.M.

31 mar 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.