Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Mobilidade estudará un reforzo do bus amesán

As fins de semana continúan en proba // Lembra á empresa que debe informar ós viaxeiros

Fontes do Goberno galego, e máis en concreto da Consellería de Mobilidade, teñen constancia de “varias incidencias” no funcionamento do Transporte Metropolitano en Ames relacionadas coa capacidade dos autobuses nas horas de maior demanda, coas frecuencias das fins de semana e a información dispoñible para os usuarios. Polo de agora, están a recopilar datos para reforzar o servizo, e lembran que os horarios da fin de semana seguen a axeitarse.

Así, e no referido ás expedicións que chegan ao límite da ocupación máxima dos vehículos, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vai proceder a recompilar os datos de demanda para determinar de xeito concreto os horarios que precisen dun reforzo e estudar así os axustes necesarios para atender os desprazamentos de todos os usuarios. Tamén explican que “este traballo non interfire nas actuacións que a Xunta está a desenvolver co Concello de Ames para atopar solucións ás necesidades de mobilidade das parroquias de Ortoño, Bugallido e Biduído”.

Outras das cuestións trasladadas recentemente teñen que ver con frecuencias que non están a operar os sábados e domingos e cunha información insuficiente aos usuarios por parte da empresa concesionaria do servizo. A ese respecto, a Xunta lembra que continúa vixente a adecuación temporal da oferta de servizos que entrou en vigor o pasado 5 de febreiro e que afecta principalmente ás fins de semana. Por iso, recomenda aos usuarios que viaxen os sábados e domingos que confirmen previamente os horarios co fin de evitar confusións e esperas indebidas.

Segundo Mobilidade, acometeuse “un gran esforzo de actualización da páxina web www.bus.gal para que a cidadanía dispoña dun método áxil e accesible de acceder á información de liñas e horarios”. O Goberno galego insta ás empresas concesionarias do transporte interurbano a un cumprimento estrito da súa obriga de divulgación dos horarios, que contribúa a manter os usuarios atendidos e informados. As deficiencias foron remitidas xa polo Concello de Ames.

11 mar 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.