Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Nova edición do certame literario amesán para narrativa e poesía

Ames. O departamento de Normalización Lingüística anima a participar na décimo novena edición do Certame Literario de Ames, aberta a textos inéditos de narrativa e poesía en lingua galega. Terá tres categorías, e premios de entre 140 e 300 euros, ademais da publicación das obras galardoadas nunha antoloxía (cada autor recibirá cinco exemplares). O prazo de presentación remata o vindeiro 24 de marzo, xoves.

Este certame literario maián roza xa as dúas décadas de lonxevidade como unha das iniciativas culturais máis consolidadas no municipio. Serviu, ademais, como plataforma de despegue de numerosas escritoras e escritores, que recibiron un impulso inicial gañando este certame, mesmo en repetidas ocasións. Un ano máis o obxectivo volve ser a promoción da creación literaria en galego, vista como un xeito de reforzar o proceso de normalización.

O certame ten dúas modalidades, narrativa e poesía, e cada unha delas componse á vez de tres categorías, de xeito que poden participar persoas de calquera idade. As nenas e nenos de ata 13 anos poden concursar na primeira categoría; na segunda os de entre 14 e 17, mentres que a terceira está dirixida a maiores de idade. Outórganse tres premios en metálico por cada franxa de idade en ambas as dúas modalidades, e incluirá a súa publicación.

A decisión do xurado, conformado por persoas recoñecidas no ámbito cultural e literario, anunciarase publicamente o 10 de maio e os premios entregaranse o 13 de maio, nun acto que se celebrará na Casa da Cultura do Milladoiro.

Os participantes deberán enviar catro exemplares do texto en folios mecanografados a dobre espazo e tamaño de letra 12. Na modalidade de narrativa, a extensión mínima será de 2 páxinas e a máxima será de 6, e na de poesía de entre 20 e 50 versos. O tema é libre e cada persoa poderá presentar, como máximo, un traballo en cada unha das modalidades. É requisito que as obras se presenten (no enderezo SNL de Ames. Avenida de Azcárraga, número 5, Bertamiráns, 15220 Ames, A Coruña) baixo pseudónimo, e cos datos persoais noutro sobre pechado. M.M.

12 feb 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.