Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

O BNG loita por unir Novo Milladoiro ca autovía e a estrada nacional 550

A Maía. A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, visitou o parque empresarial Novo Milladoiro xunto co primeiro tenente de alcalde de Ames, e candidato do Bloque, David Santomil, para analizar os investimentos en comunicacións que precisa o polígono.

Así, abordaron coa asociación de empresarios de Novo Milladoiro as principais demandas de mellora do citado parque, centradas nos accesos; en concreto, na vella reclamación dun acceso directo desde a rotonda de Milladoiro na N-550, para o que se estima un investimento de catro millóns, e para o que o BNG “xa ten presentado unha emenda aos orzamentos do Estado”, afirmou. Igualmente, a dirixente dos nacionalistas apoia a construción dunha saída directa desde este polígono para unilo ca AG-56.

Pontón salientou que mellorar os accesos supón un beneficio para as empresas instaladas no parque, pero tamén melloraría a calidade de vida da veciñanza, pois suprimiría unha parte moi importante do tráfico dun núcleo urbano onde reside nada menos que o 41 % de toda a poboación do Concello de Ames.

Pola súa banda, o tamén edil de Educación, David Santomil, incidiu na necesidade de formación para conseguir traballadores cualificados en ámbitos como o tecnolóxico, das TIC, o audiovisual, da distribución e comercial, “con ciclos formativos” no instituto.

E, igualmente, insistiu nos accesos ao parque, demanda histórica do BNG dende o goberno tripartito que está a gobernar Ames. M. Manteiga

26 oct 2022 / 22:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.