Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

O Concello vai presentar unha publicación de 7H sobre os novos amesáns

Dous mil exemplares recollen as vivencias de once inmigrantes e a loita contra a xenofobia

Ames. O Concello de Ames vai presentar este sábado A Historia Viva de Ames. Museo das Inmigrantes, unha publicación realizada colectivamente baixo a dirección da artista Angélica Dass, a coordinación de 7H Cooperativa Cultural e a participación de once veciños do municipio con raíces en Brasil, Colombia, Cuba e Venezuela. Será ás 20.00 horas na casa da cultura do Milladoiro.

E vai ser a concellaría de Benestar e Igualdade quen editou, en colaboración coa Deputación de A Coruña e 7H, esta publicación artística contra a xenofobia e o racismo que recolle as historias de residentes no municipio procedentes de diversas partes do mundo. Cunha edición de 2.050 exemplares, a publicación procura representar as múltiples identidades que constrúen a idiosincrasia de Ames mediante un relato visual construído, como se dunha exposición impresa se tratase, a partir de diferentes imaxes de obxectos, paisaxes, documentos e personaxes.

Nelas plásmanse as historias de vida e experiencias cotiás que as persoas implicadas no proxecto compartiron ao longo de diferentes sesións virtuais, celebradas entre novembro e decembro de 2020, coa creadora Angélica Dass, quen deseñou a proposta creativa co obxectivo de reivindicar a riqueza da diferenza e combater a xenofobia.

O resultado son 64 páxinas que convidan a reflexionar sobre os estereotipos arredor do propio e o alleo. Diferentes lembranzas gardadas en arquivos persoais dialogan coa vida máis cotiá. m. manteiga

27 mar 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.