Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

O conflito medioambiental da canteira de Casalonga

A plataforma ‘Casalonga Limpa de Residuos’ ten como obxectivo que a empresa Toysal renuncie a calquera intento de actividade na zona

A plataforma veciñal Casalonga Limpa de Residuos mantén unha posición de rechazo ao proxecto da empresa Toysal sobre a actividade de xestión de residuos nos terreos da antiga canteira teense. A asociación busca frear a posible incorporación da compañía na explotación mineira. Acerca dos inicios do grupo, a asociación creouse a mediados do 2018. “Sobre o mes de maio, o Concello convocou unha asemblea informativa na que se nos explicou que unha empresa de Vigo (daquela non sabiamos nin o nome) quería poñer unha planta de tratamento de residuos nos terreos da antiga canteira de Camilo Carballal S.L.”, explica José A. Ferreira, un dos portavoces da plataforma. “Dende a páxina web, puidemos descargar o proxecto e, en canto o lemos, saltaron tódalas alertas. Uns cantos veciños decidimos convocar un par de xuntanzas para ver que se podía facer, constituíndo así a plataforma no mes de xullo”, explica. Pouco despois da súa formación, a organización xa contaba con 500 socios e, na primeira mobilización na contorna da canteira, xuntáronse máis de 2000 persoas.

Mais o apoio á organización non é só de parte da veciñanza e outros colectivos, senón que os grupos políticos do Concello de Teo tamén están posicionados abertamente en contra de calquera proxecto que introduza residuos ou ‘materiais valorizados’ na canteira. “A verdade é que para os dous partidos que conforman o goberno municipal está supoñendo un nivel de compromiso moito maior, pois a empresa chegou a poñerlles unha querella penal por exercer as súas funcións e defender á veciñanza. Eles afrontan o problema sen retroceder e iso é algo que agradecemos especialmente”, explica José.

O conflito medioambiental da canteira de Casalonga

Por outro lado, a relación da plataforma coa Xunta de Galicia é distinta. “Ao principio, comezamos cun bo clima de entendemento. Recibíronnos cando solicitamos audiencia e facilitáronnos o acceso á información pero, nalgún momento e sen causa aparente, isto cambiou. Calquera petición de acceso á información na Dirección Xeral de Minas tivo como resposta trabas e dilacións no tempo, rematando con non recoñecernos nin sequera como parte interesada nos procesos relacionados coa canteira da Casalonga”, revela José. E é que, en setembro do 2019, preto de mil veciños solicitaron ser recoñecidos como parte interesada no proceso do segundo plan de restauración e a día de hoxe non se respondeu a ningunha soa de esas peticións. “Hai uns meses solicitamos amparo ante esta situación á Valedora do Pobo, e por agora tampouco a ela lle remitiron a información que lles solicitou”, explica o portavoz.

Os inicios da plataforma comezaron a mediados do 2018, polo que son case 3 anos dende que Casalonga Limpa de Residuos iniciou a súa loita en contra da explotación da canteira. Neste tempo, foron varias as tramitacións e os procedementos administrativos levados a cabo pola empresa. “O primeiro proxecto que introduciu a empresa foi a construción dunha planta de tratamento de residuos. Este foi rexeitado pola Xunta en base a un informe urbanístico do arquitecto municipal do Concello de Teo e, ao día seguinte de facerse público o arquivo do proxecto da planta, soubemos que a empresa xa entregara un proxecto de ‘plan de restauración’ da mina coa intención de introducir preto de dez millóns de metros cúbicos de residuos no oco da canteira. Este foi tamén denegado a finais do ano 2018”, comenta. “En xaneiro do ano seguinte, a organización presenta un novo plan de restauración incluíndo a parcela na que pretendera facer a planta de biogás, contemplando a mesma cantidade de residuos e abrindo a posibilidade a empregar tamén tecnosolos na restauración. Ante a exposición deste novo plan, asociacións e empresas da contorna, así como a propia plataforma, remitiron a Medio ambiente máis de mil alegacións en outubro do 2019”, explica José. “Ante a falta de resposta da Administración, decidimos organizar unha gran mobilización con arredor de 100 asociacións para ir a Santiago. E, xusto tres días antes da actividade, a Xunta fixo pública a denegación do segundo plan de restauración con residuos”, engade.

En suma, a lexislación obriga á empresa a ter un plan en vigor e actualizado, polo que a organización está obrigada a entregar un novo plan que cumpra os requisitos impostos a raíz da denegación anterior, referido sobre todo a problemas medio ambientais. “Dado que a Dirección Xeral de Minas non nos dá acceso á información do expediente, non sabemos si xa está entregada unha nova proposta ou non”, explica José.

Canteira de Casalonga
Canteira de Casalonga

Con todo, tras anos de espera desde o comezo desta situación, a plataforma mantense todavía na ‘casiña de saída’. Consideran que as modificacións lexislativas aprobadas neste tempo pola Xunta facilitan o camiño ás empresas en detrimento da seguridade da veciñanza. “Actualmente, o último movemento da empresa foi intentar no mes de outubro de 2020 apropiarse da vía pública que cruza a canteira poñendo un portal na entrada. Ante o impedimento do goberno municipal, a compañía solicitou a expropiación de dito vial alegando o interese público da mina”, relata José. “Nós entendemos que esa acción só responde ao obxectivo de impedir que os veciños vexan o que se fai alí, o cal fai pensar na intención de ocultar parte da actividade”, engade o portavoz.

“O noso obxectivo é que a empresa renuncie a calquera intento de actividade na canteira. Pero, se conseguise a aprobación de algunha proposta relacionada co seu sector de actividade, somos conscientes de que entre todos os veciños teremos que ser quen de vixiar día a día que se cumpra escrupulosamente a legalidade. Comezando por salvagardar a biodiversidade existente hoxe en día nos terreos da canteira e rematando por respetar os dereitos das persoas que vivimos na contorna”, conclúe.

Quixemos coñecer a versión da empresa Toysal, pero non houbo contestación tras varios intentos.

09 abr 2021 / 19:37
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito