Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Conta tamén cun photocall cun camelo e os renos de Papá Noel // Poderá ser visitado con cita previa todos os días ata o sete de xaneiro TEXTO Diego Pérez

Os comerciantes de Ames amosan un Belén que ten figuriñas con máis dun século

Ate o vindeiro venres sete de xaneiro poderá visitarse o Belén da Asociación de Comerciantes Palmira Bulevar do Milladoiro, que constitúe o elemento máis importante da oferta de Nadal da entidade. Trátase dun Belén antigo con pezas de gran valor artístico, acompañado por unha exposición de nacementos de todo o mundo, un photocall cun camelo de tamaño natural, os renos de Papá Noel e unha caixa de Correos para enviar as cartas aos Reis Magos.

A instalación pódese visitar de luns a venres polas mañás, e as fins de semana e os festivos entre as 17.00 e as 20.00 horas, aínda que previamente é necesario pedir cita no teléfono 600 793 869.

Hai cinco anos que a pequena capela da Madalena, na rúa Palmira Bulevar, expón este Belén que conta con pezas de máis dun século. “Procedía de Muros, da casa da familia do meu compañeiro, Eugenio Crespo; nós seguimos a tradición e, ademais de restaurar moitas das figuras, fomos sumándolle pezas cada Nadal, de xeito que xa case non nos cabía na casa. Entón establecemos contacto con Xosé Manuel, da Asociación Palmira Bulevar, e ofreceunos a posibilidade de expoñelo na capela da Madalena”, manifestou María Reyes, a propietaria do Belén e a persoa que se encarga na actualidade de amosarllo ao público.

Para a asociación de comerciantes é “toda unha honra poder expoñer unha instalación destas características na capela onde se custodia a imaxe de Santa Madalena, a patroa do Milladoiro, que está situada na mesma rúa Palmira Bulevar”, manifesta Xosé Manuel Fernández, o presidente do colectivo. Ademais, considera que o Belén “é a peza clave en torno á que xiran o resto dos elementos decorativos que ano a ano imos ampliando”, explica.

Aparte do Belén instalado na capela, o escaparate de Arola conta cunha colección doutros de todo o mundo con representación de case 100 países. “É moito de agradecer que unha xoia privada como é o Belén da familia Crespo se expoña publicamente para que a veciñanza poida gozar dela”, manifestou Ana Belén Paz, a concelleira de Promoción Económica de Ames, quen sinalou que este tipo de iniciativas “axudan a que o espírito de Nadal inunde as rúas do Milladoiro”.

TRADICIÓN. A historia do Belén remóntase a 2016, cando Eugenio Crespo e María Reyes dedicaron máis de 300 horas a montalo nunha das habitaciones de súa casa. Ao ano seguinte inaugurouse na capela da Madalena, de modo que o público puidese desfrutar do macrobelén e da súa evolución co paso dos días, dende o nacemento de Xesús ata a chegada dos Reis Magos.

Eugenio faleceu en decembro de 2019, días despois de inaugurar o Belén dese ano, aínda que María decidiu continuar abrindo as portas da representación da Sagrada Familia, tal como o seu marido desexaría.

26 dic 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.