Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
cabalgatas. En Rianxo as Súas Maxestades desprazáronse no alto dun microbús // Percorreron os 90 núcleos do municipio de Muxía e chegaron por mar ata Camariñas // As familias de Cacheiras, en Teo, saudáronos desde os seus coches // Arzúa optou por facer unha gran gala no multiusos Terra do Queixo TEXTO Ana Pérez

Os Reis visitaron Área por parroquias e con cita previa

A cativada da área compostelá non se quedou este ano sen a visita de Melchor, Gaspar e Baltasar, que a pesar das trabas causadas pola pandemia, se achegaron ata cada municipio cumprindo estritas medidas de seguridade. En Noia, o alcalde, Santiago Freire, e a concelleira de Eventos, Beatriz Rosende, acompañaron ás Súas Maxestades e aos paxes na saída da cabalgata dende a alameda para percorrer as parroquias. Tamén se achegaron ata as aldeas de Porto do Son, onde repartiron caramelos e recolleron as cartas dos nenos e nenas. En Rianxo desprazáronse no alto dun microbús, mentres que en Ribeira e A Pobra fixérono en descapotables. En Muros ofreceron unha recepción na igrexa, e en Boiro visitaron as parroquias a bordo dun microbús.

Na Costa da Morte, Melchor, Gaspar e Baltasar percorreron as aldeas e vilas de case todos os municipios. En Vimianzo, a comitiva real, despois de visitar as catorce parroquias, foi recibida na Praza do Concello. Alí agardábanos as autoridades locais e tamén algúns nenos e nenas.

En Muxía tamén houbo recepción na Sala da Camposa, logo de que os Reis pasasen polos 90 núcleos e fixesen uns 150 quilómetros por todo o municipio. A Camariñas chegaron por mar. Foron recibidos no porto e, despois de recorrer as rúas da capital municipal, adentráronse en todas as aldeas. Na Laracha estiveron dous días, xa que os Magos de Oriente quixeron chegar a todos os recunchos do concello para poder saúdar desde as súas carrozas aos cativos e cativas.

Pola súa banda, os Magos pasaron polo rural de Teo en bus de época, para saudar logo en Cacheiras ás familias concentradas en cadanseu coche, a modo de autocine. Xa en Ames, as Súas Maxestades botaron man dos pavillóns para ver á rapazada, sempre a distancia e dun xeito individualizado. E en Negreira e na Baña optaron polos pavillóns das súas cabeceiras municipais onde, de xeito escalonado e ao longo de varias horas, os pequenos saudaron aos seus Reis preferidos. Tamén acudiron ata o pavillón de Oroso, onde estiveron case todo o día.

Tampouco quedaron sen a visita dos Magos de Oriente os nenos do Pino, onde deixaron máis de medio milleiro de agasallos. En Frades repartíronse entre Abellá, o multiúsos e a praza de Ponte Carreira e neste caso agasallaron á cativada con lambonadas, correctamente empaquetadas. Tamén Trazo e Tordoia desfrutaron da visita dos Reis, que estiveron en cada parroquia, con horarios concretos para evitar aglomeracións. En Arzúa optouse por unha gran gala no multiusos Terra do Queixo en dous pases.

06 ene 2021 / 19:21
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.