Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
CROACIA. A Fundación Ricardo Pérez e Verdes, o Melga e a Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional representaron a Galicia // Na xuntanza abordaronse os valores e as potencialidades deste gran patrimonio cultural TEXTO Manuel Lavandeira

Ponteceso e Melide, presentes no encontro europeo de xogos

A Fundación Ricardo Pérez e Verdes, o Museo Etnolúdico de Galicia (Melga), de Ponteceso, e a Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional (AGXPT), de Melide, representaron a Galicia na Asemblea Xeral e Extraordinaria Europea de Xogos e Deportes Tradicionais, que se celebrou na cidade de Svetincenat (Croacia), na que participaron delegacións de Italia, Gran Bretaña, Romanía, Hungría, Croacia, Turquía, Francia, Bélxica, Chequia, Túnez, Polonia, Bosnia, Suíza, Chipre, Serbia, Grecia, Rusia, Portugal, Grecia e España.

O encontro desenvolveuse en cinco bloques: congreso internacional e presentación do denominado Proxecto Oportunidade+Erasmus; un festival sobre a aplicación dos xogos e deportes tradicionais para promover a inclusión social; un simposio sobre O papel dos xogos e deportes tradicionais no desenvolvemento das comunidades locais no contexto do turismo sostible”; o quinto Campionato Nacional de Pljocke e a vinte edición da Asemblea Xeral e Extraordinaria da Asociación Europea de Xogos e Deportes Tradicionais.

Despois das sesións teóricas desenvolvéronse tamén varios talleres para nenos e nenas, así como prácticas de xogos e deportes tradicionais masculinos, femininos e mixtos na praza maior da vila e en varios centros escolares da zona.

Á xuntanza acudieron tamén representantes de varias asociacións de persoas con discapacidade (adultos, novos e persoas maiores), e levouse a cabo unha demostración adaptada do xogo nacional de Croacia o Pljocke e o xogo do Palet para cegos da asociación de Istria.

Na xuntanza europea tamén tivo unha gran acollida a presentación do vídeo O birlo vaqueiro, presentado por unha asociación e o Concello de Cangas de Narcea (Asturias), o cal pon en valor a importancia do patrimonio lúdico-cultural e inmaterial do noso país.

O simposio incluíu dez conferencias científicas nas que participaron diversos expertos europeos, que avaliaron o relevante papel que teñen os xogos tradicionais no contexto turístico. Como curiosidade deste apartado, Julián Miranda, da Universidade de Lérida, puxo como exemplo de turismo sostible ao Museo Etnolúdico de Galicia (Melga), de Ponteceso, comparando o mesmo con parques temáticos e festivais de renome mundial como Disneyland París, Thorpe Park, TOCATÍ, Portaventura ou Gardaland, “por descontado, gardando as distancias abismais entre as devanditas institucións con funcións diferentes e nunha escala minoritaria como a nosa”, afirmou o seu director, Ricardo Pérez e Verdes, quen acudiu a Croacia acompañado da vicepresidenta do padroado da fundación á que da nome, a xornalista e dramaturga Lola Roel.

Pola súa banda, a Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional, de Melide, estivo representada nesta xuntanza internacional por Manolo Charrancas. O colectivo melidense, xunto con Melga, son os dous representantes galegos que forman parte da asociación europea. Dende o ano 2003 a AGXPT vén traballando na investigación e divulgación dos xogos tradicionais para o cal visitaron xa máis de cinconcentos lugares de Galicia, ao tempo que participaron en publicacións e colaboracións con medios de comunicación. Á súa vez, forma parte do Observatorio do Patrimonio Lúdico Galego, unha entidade que intenta coordinar o traballos de clubes, asociacións, centros educativos, empresas, museos e a federación a prol da conservación e promoción dos xogos tradicionais.

28 oct 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.