Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Protección Civil fixo mil operativos en Ames o ano pasado

O número de voluntarios oscilou entre trinta e corenta // A pandemia obrigoulle a reinventarse

Os operativos e saídas realizadas por Protección Civil de Ames no ano 2020 chegaron a 917. En número foron algunhas menos que o ano anterior, posto que moitas das actividades e dos eventos nos que habitualmente participaban suspendéronse por mor da pandemia da COVID. Durante ese período, o número de persoas que formou parte da agrupación oscilou entre 30 e 40 voluntarios.

Nun ano atípico, os voluntarios e voluntarias realizaron desinfeccións de parques e espazos de uso frecuente, carrexaron libros desde os colexios ás casas, atenderon a persoas necesitadas en colaboración con Servizos Sociais, viaxaron cos paxes reais ata as parroquias para recoller as cartas aos Reis Magos e mesmo felicitaron aniversarios a nenos e maiores nos meses do confinamento. Todo isto, ademais, nunha situación que obrigou ó citado colectivo a reorganizar servizos e quendas para evitar o máximo o posible risco de contaxios.

No ano 2020 Protección Civil de Ames prestou servizo en 239 operativos, 94 accidentes e 39 incidencias de circulación. Cómpre salientar que o maior número de accidentes de estrada produciuse nos meses de xaneiro, agosto e decembro, coincidindo con datas de menos restricións vinculadas á pandemia. Por outra banda, recolleu 85 animais soltos, colaborou en tres asistencias sanitarias, interviu en 14 incidencias causadas por verquidos, estivo presente en 6 accións de salvamento e rescate e sumou 500 servizos máis en outras incidencias.

MÁIS MATERIAL. Tanto o material sanitario como o destinado á mobilidade, telecomunicacións, incendios, apoio aos bombeiros e vestiario con que conta a agrupación amiense incrementouse en 2020. Catro emisoras Motorola, un desfibrilador e un simulador de desfibrilador supoñen o material novo sanitario e de telecomunicacións. En canto ao material operativo, a agrupación conta desde o pasado ano cun novo remolque de incendios con bomba de 600 litros, unha carpa de 4x4, 10 lanternas Led e, como equipamento, con 4 cascos MSA, 21 pantalóns de verán, 10 pantalóns de augas, 8 fundas ignífugas, 14 parkas, 4 vadeadores e 12 botas de auga. Ademais, xa en 2021, foille entregado un novo vehículo UTV. Dúas tablets e diverso material de incendios como, mangueiras, mangotes, lanzas de racor e reducións de racor constitúen algúns dos novos elementos cos que conta a agrupación.

Este ano Protección Civil de Ames pretende seguir incrementando o equipo de voluntarios para contar con máis medios humanos e tratará de incrementar o material do que dispón na actualidade.

Aposta pola formación dos efectivos

Ames. Durante o ano 2020 o número de persoas que formaron parte da agrupación oscilou entre as 30 e as 40. A formación recibida durante ese período foi menor que en anos anteriores, xa que non se puideron organizar cursos presenciais, e os poucos que houbo foron telemáticos. Aínda así, seis novos voluntarios realizaron o curso básico de Protección Civil, e outros nove membros realizaron o de intervencións en presenza de riscos biolóxicos COVID, cursos da Axencia Galega de Seguridade e da Asociación Nacional de Agrupaciones de Voluntarios de Protección Civil.

Por outra banda, e como complemento, na propia agrupación amiense realizouse un curso presencial de incendios urbanos e forestais, coa colaboración do GES de Brión; un de regulación do tráfico e sinalización de accidentes, coa colaboración da Policía Local de Ames e, como todos os anos, seguiuse realizando a formación colaborativa entre os voluntarios.

Juan Pérez Crespo, presidente da agrupación de Protección Civil de Ames, indica que “foi un ano de transición pola especial situación vivida, pero sen dúbida, tanto pola entrega e a disposición dos voluntarios como polas tarefas especiais que fixemos, un ano que serviu para a consolidación do noso colectivo”. Por outra banda, Juan Pérez Crespo destaca asimesmo que “tiñamos moitas ilusións depositadas por ser ano Xacobeo, pero que comezou cunha forte parálise debido ao COVID e aos peches perimetrais, aínda que esperamos poder comezar a traballar a plenitude no segundo semestre do ano”.

02 mar 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.