Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

“Queremos reformular o Plan Xeral porque quedou obsoleto”

Como organiza o día un alcalde nunha pandemia como esta?

A situación é complicada e complexa, sobre todo por non poder facer reunións cos teus veciños no despacho ou atendelos presencialmente, como a cidadanía quere, polo problema concreto que teñan. O que tratamos de facer é levar moi a raxatabla todas as citas que se conceden nos distintos departamentos de cara a evitar aglomeracións dentro do edificio do concello, para darlle tamén unha resposta no menor tempo posible. Hai que levalo con calma, e ir programando as reunións diarias, moitas veces traballando tamén polas tardes.

Aforrouse moito pola suspensión de actos ou non é para tanto?

Si, é verdade que hai cousas, actividades e distintos gastos, que co tema da pandemia non se levaron a cabo, pero tamén temos outros gastos como a administración máis cercana que da resposta ás necesidades urxentes, e que tivemos que ir asumindo, como poden ser a limpeza nos centros educativos, unitaria de Aro, do centro sociocultural, duplicando persoal en certos puntos que antes estaba por horas... unha cousa está compensando a outra: houbo uns aforros que non se concretaron en gastos, pero por outro lado asumimos outros que non son competencia do Concello... pero é que a situación atopounos a todos fóra de xogo, e hai que intentar solucionalo en común para manter unha seguridade ante esta situación que ninguén esperaba.

Cando comezarán os asfaltados nos principais accesos á vila?

Si, están adxudicados, pero colleunos o mal tempo, e os propios técnicos aconsellaron ás empresas que esperaran un período prudencial para que se estabilizase a situación e que, despois do gasto que supón as tres principais entradas que temos no concello, se poida executar da mellor manera para que no futuro non haxa problemas.

Que obras pensa que serían indispensabeis para Negreira hoxe?

Sempre hai prioridades, pero coa pandemia quedaron nun segundo plano. Recentemente dixen que se cadra este ano, e tamén nos vindeiros, haberá que facer pedagoxía cos veciños, e explicarlles que as grandes obras que podiamos ter en mente quizais queden nun segundo plano para atender a vida social, priorizar as persoas.

E actuacións en concreto?

En mente temos o centro de día ou residencia que, pensando nesta situación, vemos que cada vez se fai máis necesario, xa que dende os Servizos Sociais estivemos facendo un seguimento das persoas maiores, empezando polos de 80 anos e agora farase aos maiores de 65 que poidan vivir solas e teñan necesidades. Cos servizos de Protección Civil e co voluntariado levamoslle a casa medicamentos e alimentos, actividade que foi moi agradecida, porque os nosos maiores non souberon asimilar esta pandemia: viviron a guerra, pero pillounos fora de xogo, como aos demais, e non o asimilaban. A nosa poboación é moi envellecida, moitos viven no rural, lonxe do casco urbano, e dependen doutras persoas para facer a compra, por exemplo. O centro de día é un dos proxectos que se nos está a resistir, pero estamos en contacto con algunha empresa e con Política Social para afrontar o investimento. Outro proxecto será a reformulación, por non dicir a construción, doutro Plan Xeral, porque o actual está obsoleto, e coas novas leis causanse moitos problemas aos veciños e os noso técnicos vense nunha balsa de aceite na que moitas veces non saben nin como aplicar a norma, porque non está engranada a Lei do Solo co noso PXOM de 1999, que precisa dunha volta de torca para adaptalo.

E as pistas para o atletismo?

Si, nunha reunión que mantiven co xefe territorial da Secretaria Xeral para o Deporte presentóuselle un proxecto dun módulo, dunha pista de atletismo, porque temos deportistas que están despuntando a nivel nacional. Pero tamén somos conscientes de que somos un municipio rural de menos de sete mil habitantes, e a día de hoxe non temos o terreno para facer esa pista, pero sí un proxecto para encaixala dentro do campo de futbol de Pedra Mámoa, un xeito de minimizar o gasto do proxecto, porque poderiamos utilizar as súas instalacións.

Como valora o labor dos seus concelleiros e o dos da oposición?

A oposición ten que facer a súa parte política, pero a nós e a min persoalmente gústame ser dialogante, falar, discutir e debatir os asuntos que poidan xurdir no noso Concello, incluso obras, que sairon por maioría absoluta, incluíndo propostas da oposición. Pero é que as levamos todos nos programas electoriais, porque coñecemos as necesidades do noso concello e veciños. Intentamos priorizar, e danos igual que sexan propostas por eles ou por nós.

Síntese con ánimos para repetir nas vindeiras eleccións?

Aínda estamos moi lonxe de plantexalo, e o que me gustaría é que rematados os catro anos de mandato poidamos dicir que ese programa electoral estivo cuberto nunha alta porcentaxe de execución. Pero hai que valorar que neste ano de pandemia quedou nun segundo plano todo o programa electoral. Persoalmente, parece un ano perdido, porque estivemos traballando arreo pola pandemia, intentando atallar o tema dos contaxios e minimizar as consecuencias a nivel de todos os sectores economicos, como na hostalería, un dos principais perxudicados, pese a demostrarse que non é onde se producen os contaxios: nós no noso concello, levamos dende o 18 de decembro en nivel medio alto, logo alto, cunha serie de restriccións, como o peche da hostalería as cinco da tarde, e os números de contaxios non baixaban, seguindo altos. E ves que non avanzas.

Quédalle tempo para axudar na AA VV de Liñaio que preside?

Precisamente o ano pasado cumpríase o 50 aniversario do teleclube, e tiñamos programadas unha serie de propostas que non se puideron levar a cabo, e no rural é máis complicado facer unha teleconferencia. Esta pandemia trouxo un distanciamento social, pero penso que no rural non se viviu tan de preto a menos que lle tocara a un familiar: seguen vivindo e traballando como o facían habitualmente, e non percibe tanto a gravidade, aínda que saben que existen restriccións.

Andan con algún proxecto en Liñaio? falouse dun posible museo...

E un proxecto que temos, e acabamos de pedir outra subvención á xunta, porque a da Deputación da Coruña era ridícula. Seguímolo tendo en conta, como outras obras a nivel parroquial, e sempre animo aos meus compañeiros a que non perdan o contacto cos veciños. Intentamos dinamizar a vida social.

22 feb 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.