Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Garaxes, sotos e locais das Brañas inundábanse durante o inverno, e no colexio O Coto filtrábanse augas negras // Confirman que a vindeira semana comezarán a arranxar a avenida de Santiago // Amplían unha arteria viaria ribeirense TEXTO Suso Souto-M. Manteiga

Rematan cos atascos de fecais e asulagamentos en Negreira

O presidente da Deputación coruñesa acudiu ao remate de dúas obras sobranceiras cofinanciadas pola súa administración. Na primeira supervisou a mellora do trazado da estrada de Carreira, en Ribeira, antes estreita e cunha gran curva, mentras que na segunda daba por boa a intervención nas canalizacións da rúa Teresa Fabeiro de Negreira, onde os veciños tiñan que soportar asulagamentos... incluso de fecais.

Deste xeito, Valentín González Formoso reuníase con rexedor da capital barcalesa, Ángel Leis, para comprobar a fin das obras de reurbanización e canalización de pluviais acometidas nesa travesía, situada onda o grupo escolar. Ademais, o alcalde confirmaba que a vindeira semana arrincará a última das adecuacións viarias nos accesos á vila: a da avenida de Santiago, tras completar a das Brañas e a de Barcala, tamén con fondos provinciais.

Os traballos en Teresa Fabeiro supuxeron un investimento de 191.906 euros, dos que o 80 % (153.525 €) foi achegado pola Deputación. Servirán “para evitar as inundacións se producían cada inverno en sotos, garaxes e baixos comerciais e que afectaban a outras rúas adxacentes coma a Rosalía de Castro ou Castelao, así como para eliminar o retorno de augas fecais que afectaba ao CEIP O Coto debido ao exceso de caudal e a aos continuos atascos que se producían na anterior rede de saneamento”, explicou Leis Míguez. “Esperamos que as obras supoñan a solución definitiva a este problema, que para o alcalde era unha preocupación importante, pois afectaba a moitos veciños e negocios da zona e incluso a un centro escolar”, respostaba o máximo responsable provincial.

González Formoso desprazouse tamén a Ribeira, onde comprometeu a colaboración da Deputación para a ampliación dunha vía provincial en Carreira que conta cunha curva de 90º pola que discorren vehículos pesados e na que apenas hai espazo para que se crucen dous vehículos de gran envergadura, non sendo a primeira vez que dous camións quedan atrapados alí.

Ao respecto, garantiu o apoio do servizo de Vías e Obras para eliminar este punto negro e permitir un tráfico rodado que non ocasione trastornos, facilitando o paso de todo tipo de vehículos e pensando especialmente nos pesados, debido á proximidade dunha conserveira.

Tamén respondeu á demanda do Concello de ampliar, cando sexa necesario, os dous quilómetros da estrada que vai cara o futuro polígono industrial, a fin de que poida soportar o tráfico que se xerará na zona.

O presidente provincial visitou, acompañado do alcalde, Manuel Ruiz, as estradas DP-7305, de Ribeira a Aguiño por Carreira, e DP-7307, de Ribeira a Aguiño por Castiñeiras, nas que o Concello solicita a instalación de semáforos, pasos elevados ou outros elementos para a redución da siniestralidade nalgúns puntos da vía nos que os vehículos tenden a circular a unha velocidade moi superior á permitida. Os técnicos provinciais analizarán a vía.

González Formoso, que ofreceu tamén o apoio económico da Deputación para a construción do novo auditorio ribeirense, aproveitou para anunciar que o próximo pleno provincial aprobará o POS Adicional 2021 por 25 millóns de euros.

O Protagonista
“Modificarase o trazado dunha curva en carreira”
Manuel Ruiz Rivas
Alcalde de Ribeira

O alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz, destacou o apoio da Deputación para ampliar a estrada de Carreira, e lembrou que “o Concello comprou unha vivenda na zona para poder actuar na mellora desa curva, modificando o seu trazado”.

O rexedor definiu á Deputación “como exemplo de coordinación cos concellos, unha administración que deu a cara durante a pandemia e que permitiu que os concellos puideran sumarse a axudas como o Pel-Reactiva, dirixido a apoiar a persoas autónomas, pequenas empresas ou microempresas ante a crise, ou o Plan Único de Concellos, que este ano dedicou 14 millóns a gasto social para reforzar os programas municipais”. En Ribeira, as axudas foron de preto de 600.000 euros.

González Formoso visitou tamén en Ribeira a rúa Romero Ortiz, onde se levará a cabo un importante proxecto de renovación da pavimentación e a unificación de beirarrúas e estrada nunha mesma plataforma.

A iniciativa enmárcanse dentro do Plan Único do ente provincial e conta cun orzamento de 164.161,24 euros. Crearase unha plataforma única para tráfico rodado e peonil con zonas claramente delimitadas.

As actuacións permitirán anchear a vía, facendo especial fincapé na zona dedicada ao paso de peóns. Substituirase o aglomerado por pavimento de formigón semipulido.

{ Trasquilator }
Ao rescate, unha vez máis
Marcos Manteiga

Aínda que semella que a teima por rematar cas deputacións provinciais vai amainando, hai que seguir a pór en valor estas administracións decimonónicas –si! levan con nós case que douscentos anos– mentras a ordenación do Estado siga a facerse mediante provincias. Porque aínda que nesta terra as catro demarcacións continúan a soar raro de máis nun país no que as parroquias e bisbarras déronlle continuidade ás areas de influencia dos castros, é o mellor que temos para apoiar aos concellos. Xestión cotiá dos tributos ou financiamento das obras que outras administracións nin contemplan son só algúns dos servizos que prestaron e continúan a prestar ata que alguén se lle ocorra outra cousa. E non o vai ter doado, créanme.

16 abr 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.