Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Rois ofreceu online o seu tradicional concerto do 25 de decembro

Ordes. A pandemia está a causar que vivamos un Nadal moi diferente, de feito, as novas tecnoloxías convertéronse nas mellores aliadas para poder sacar adiante as iniciativas de sempre sen saír da casa. As actividades virtuais están á orde do día, e incluso os tradicionais concertos destas datas festivas se están a celebrar desta forma.

Este é o caso da Escola de Música de Rois, que optou por emitir onte o seu tradicional concerto de Nadal a través de Youtube. “As dificultades para organizar un espectáculo presencial este ano leváronnos a decidir a súa gravación para difundilo de forma virtual”, aclaran fontes municipais.

O concerto, gravado canción a canción o pasado 19 de decembro cumprindo cos protocolos sanitarios, presenta un repertorio variado para chegar a todos os públicos. “Fai un percorrido por pezas navideñas, populares e grandes éxitos convertidos xa en clásicos e remata coa Habaneira do Camiño, un broche final que vén moi ao caso cando acabamos de saber que xa é oficial a ruta de Muros-Noia que pasa polo municipio de Rois”, sinala o Concello.

Neste concerto participa alumnado e profesorado de música e movemento, linguaxe musical, o dúo de acordeóns e o conxunto de percusión. Tamén actúan os conxuntos instrumentais A e B, e o conxunto de profesores, que remata o concerto interpretando a Habaneira do Camiño. Durante os 35 minutos deste concertos interprétanse, entre outras, pezas como Tocando cascabeis, O Apalpador, Like it’s Christmas, Oye como va, Fisterra, The final Countdown ou Quizás, quizás, quizás.

Dende o Concello de Rois queren felicitar ao alumnado e profesorado “polo gran traballo realizado” e animan a a toda a veciñanza a desfrutar “do inmenso talento do que podemos presumir”.

Cabe lembrar que a Escola Municipal de Música de Rois marcou neste curso todo un récord de inscricións ó superar a cifra de oitenta alumnos e alumnas. A.PRADA

26 dic 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.