Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Sacan á venda as entradas para os 16 espectáculos culturais de circo, danza e teatro

Terán un custo de catro euros para as galas infantís e de cinco para as de adultos, que empezan o 14

A Maía. Xa están dispoñibles na billeteira web municipal (abilleteira.concellodeames.gal) as entradas para os dezaseis espectáculos de teatro, danza e novo circo do itinerario cultural amesán da primeira metade de ano. Con catro representacións para o público infantil e doce para o adulto, os prezos serán de 4 e 5 euros, respectivamente, con descontos do 50 % para certos colectivos. A comedia Gloria nacional, da compañía Teatro do Nordeste, inaugurará a programación o próximo venres 14 de xaneiro, ás 20.30 horas, na casa da cultura de Bertamiráns.

Os pases para todos os espectáculos poden adquirirse despois de que a concellería de Cultura reservara as últimas dúas semanas á venda dos bonos culturais, que inclúen descontos sobre o prezo total para acceder ás doce propostas do programa para o público adulto. Ademais da opción en liña, os tiques poderán retirarse unha hora antes do inicio das representacións nas casas da cultura das urbes, no caso de estaren aínda dispoñibles. Non se admitirán cambios nin devolucións.

Os prezos dos billetes serán de 5 euros para os espectáculos para o público adulto e de 4 euros para os dirixidos ao público infantil, con reducións da metade do custo para certos colectivos, co fin de facilitar a toda a veciñanza o acceso á cultura e ás artes escénicas. Os grupos que se beneficiarán destes descontos serán as persoas maiores de 60 anos, as familias numerosas, o estudantado con carné de estudante, a mocidade co Carné Xove, a rapazada menor de 12 anos e as persoas demandantes de emprego. No control de accesos dos auditorios poderá solicitarse a documentación necesaria para xustificar estes casos.

Pola súa banda, a oferta para público infantil comezará o venres 11 de febreiro, ás 18.00 horas, na casa da cultura do Milladoiro, con Ás para Álex, de Baobab Teatro. M. M.

06 ene 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.