Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

San Martiño de Teo, unha festividade histórica moi apreciada pola veciñanza

Esta feira ten unha forte pegada tanto no eido económico como no aspecto social // Este ano foi suspendida pero si haberá postos de polbeiras distribuídas polo municipio e outras actividades // Falamos con Ramiro Viqueira, un fiel seguidor da romaría

A festividade teense do San Martiño é unha das feiras máis antigas de Galicia, con máis de 500 anos de historia. Dende a súa existencia tivo lugar sempre no mesmo emprazamento, a antiga carballeira de Francos, en Calo. Na actualidade é un espazo de encontro da veciñanza ao que moitos denominan “o campo da feira” por esa conexión secular coa celebración anual deste singular mercado e festa popular. O San Martiño é recoñecido en todo Galicia principalmente pola especialización no gando cabalar, sendo un lugar de encontro do mundo ecuestre. Sen dúbida, é un evento popular que hoxe en día conserva os principais elementos das feiras tradicionais e que acolle anulamente a un gran número de asistentes. Se cae a fin de semana pode chegar a reunir ata 20.000 persoas. E segundo a información dun periódico rexional, calcúlase que o récord de asistencia foi no 1901 con 40.000 persoas

A pandemia provocada polo covid-19 supuxo a anulación da festividade prohibíndose toda actividade comercial, lúdica ou de hostalería. A cancelación da feira cabalar deste 11 de novembro fainos viaxar no tempo e recordar o que sucedeu fai hoxe 102 anos. No século XX, segundo nos explica o arquiveiro municipal, Pablo Sanmartín, “só está documentado a cancelación da feira noutra pandemia anterior, coincidindo coa gripe española do ano 18”.

A principal diferenza con décadas anteriores está na diminución da venda de cabalerías. “Antes os animais usábanse para o traballo do campo xa que non había tractores nin outras máquinas. Agora practicamente todo o que se vende é para carne”, conta Ramiro Viqueira Camaño, veciño de Laraño e membro da Asociación de Veciños da Carballeira de Francos. Nos anos 60, moita xente de fóra de Galicia desprazábase ata Teo e cargaban os animais na estación de tren de Osebe. Hoxe en día eso xa non funciona así e os traslados fanse a través de camións.

O QUE NUNCA FALLA, O POLBO. Un dos elementos máis importantes no San Martiño son os postos das polbeiras. “Chova ou faga sol a xente ven sempre a comer o polbo”, afirma Ramiro. Este ano non se poderá servir na carballeira de Francos pero si existe a posiblidade de mercalo nas diferentes polbeiras que estarán distribuídas por diferentes puntos do Concello. “Hai que animar á xente dalgunha maneira”, afirma. Ademais os restaurantes da zona tamén o prepararán para levar. Neste sentido, o entrevistado considera que é fundamental apoiar a hostalaría tras a difícil etapa que están a vivir.

Antigamente había a maiores postos de rosquillas, churros, castañas e diversos apeiros de labranza. Na actualidade, o que máis hai son tendas de mercadillo.

Nos seus comezos, a feira duraba dous ou tes días. “A xente ía traendo pouco a pouco os cabalos e metíanos en cortellos cercanos á aldea”, conta. Incluso a feira se prolongaba unha xornada máis do propio día de San Martiño. “Había épocas que se vendía moito ganado e ao mellor cargabáse un tren e algúns compradores tiñan que esperar ao día seguinte que viñera outro para cargar os animais”, recorda. Daquela vendíase moito ganado para fóra de Galicia, incluso para Inglaterra con destino ao Transvaal, en Sudáfrica. Esta información aparece recollida no arquivo municipal de Teo.

NA PROCURA DOS CABALOS DE SAN MARTIÑO. O Concello decidiu este ano crear unha serie de actividades para dalgunha maneira ter en mente esta xornada tan especial para os teenses. Destaca o deseño dun xogo pensado especialmente para a diversión dos máis pequenos que consiste en atopar oito cabalos de madeira ubicados en oito rutas marcadas no territorio. Estas pezas foron realizados polo artesán local, Rodrigo Mosquera e a proposta lúdica púxose en marcha xa a semana pasada. As persoas que queiran xogar durante este mes de novembro poden facer unha foto co equino cando o atopen e compartila co Concello. Todos os que consigan localizar e documentar un mínimo de seis cabalos obterán como recompensa un bautismo equino nunha hípica de Teo.

Ramiro Viqueira Camaño (no centro) xunto á súa nai desfrutando do San Martiño alá polo ano 1970. Foto: Arquivo Municipal de Teo, a doazón de Ramiro.
Ramiro Viqueira Camaño (no centro) xunto á súa nai desfrutando do San Martiño alá polo ano 1970. Foto: Arquivo Municipal de Teo, a doazón de Ramiro.

Ramiro ten 65 anos e dende rapaz sempre que puido acudiu a esta festividade. “Teña máis ou menos tempo todos os anos vou un pouco”, sostén. Él cree o San Martiño 2020 será unha xornada apagada. “Hai que collelo cun pouco de humor e ser conscientes de que temos que asumir a situación que estamos a vivir”, conta. Nos seus plans está marcado ir a recoller un pouco polbo e comelo na casa “xa que nin cos veciños te podes reunir”.

11 nov 2020 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Teo
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.