Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Sergude terá en 2022 unha nova depuradora que vai dar servizo a tres mil habitantes

Boqueixón. Os traballos para a construción da nova Depuradora de Augas Residuais (EDAR) de Sergude xa están en marcha. A empresa adxudicataria do proxecto, Vázquez y Reino, SL, iniciou os traballos de movemento de terras para a habilitación da futura infraestrutura. O alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín, visitou esta semana a zona para coñecer in situ a evolución dos labores.

O rexedor celebra a posta en marcha dos traballos: “con esta nova EDAR poderemos dar servizo a uns 3.000 habitantes, o que suporá triplicar a actual capacidade da depuradora de Sergude”. As obras teñen un prazo de execución de 12 meses e o Concello aporta 360.000 € dos case 1,7 millóns de euros de investimento total previsto para esta infraestrutura.

O proxecto é posible grazas a un convenio de colaboración entre o organismo autonómico Augas de Galicia e o goberno boqueixanés. A administración local tamén cedeu os terreos necesarios para a habilitación da infraestrutura, xusto ao carón da actual EDAR. Ademais, a actuación conta tamén co cofinanciamento do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER), no marco do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) Galicia 2014-2020.

A futura depuradora mellorará as infraestruturas de saneamento dos núcleos de Sergude e Lestedo, unificando, deste xeito, o tratamento das súas augas. Tamén dará servizo ao polígono industrial de Sergude. A nova infraestrutura contará cunha primeira estrutura de pretratamento da auga, separando en tres contedores diferentes os residuos sólidos, as graxas e as areas. Tras este proceso sitúase o tratamento biolóxico, cunha capacidade media de 44 metros cúbicos de auga á hora, aínda que tamén pode chegar a un pico de ata 81. En caso de chuvias torrenciais que superen este caudal, o exceso enviarase a un depósito de retención. O tratamento biolóxico estará conformado por un sistema de lodos activados por aireación prolongada en baixa carga. C.E.

01 may 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.