Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Manuel Sangiao decidiu emprender con titoriais sobre carpintaría // En medio ano xa ten 700 subscritores TEXTO Alba Prada

Un youtuber asentado en Boqueixón

Manuel Sangiao é un boqueixanés, retornado do Reino Unido, que logrou sacar adiante, unha vez se asentou no concello, unha canle de Youtube sobre carpintaría e bricolaxe, que en medio ano xa alberga 400 subscritores. Manuel estudou INEF e traballou unha tempada do seu para logo trasladarse a Londres, onde conseguiu traballo en distintos hoteis. Alí coñeceu a súa muller, Liping Zhao, e ambos decidiron mudarse a Boqueixón. El é agora un youtuber que loita por facer medrar pouco a pouco o seu negocio, e a súa parella posúe un traballo a distancia, posto que imparte clases de inglés a chinos dende a súa casa na vila. Aínda que o cambio dunha gran urbe ao rural foi moi grande, ambos están encantados coa tranquilidade da que gozan actualmente.

Lápiz de Carpinteiro é o proxecto de Manuel e para a súa posta en marcha contou cunha axuda de 7.000 euros da Secretaría Xeral de Emigración a través do programa de Axudas ao Retornado Emprendedor. De feito ata o concello desprazáronse para coñecer o proxecto e ao seu creador o secretario xeral de Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor. Ambos estiveron acompañados polo alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín, que se amosou orgulloso de que “Boqueixón se convirta nun lugar de referencia para o emprendemento”, sinalou. “Se deciden instalarse aquí é porque na nosa vila contan con servizos atractivos e de utilidade, que serven para que a poboación se asente no noso territorio”. En concreto, Fernández Munín apuntou a servizos como “a fibra óptica, que se seguirá estendendo ás distintas aldeas”, sinalou. “Dende o Concello estamos a traballar para que este servizo fundamental poida estar dispoñible canto antes”, asegurou.

O espazo de traballo de Manuel, segundo contou, está ubicado nun galpón xa acondicionado para a gravación de vídeos que se poden ver en todo o mundo. De feito, o propio Sangiao explicou que “moitos dos subscritores proceden de México”. Neste tipo de traballo, como en moitos outros, “hai que ter en conta os detalles porque este negocio vive da publicidade e tamén dos patrocinios de distintas marcas”, subliñou. “O meu vindeiro obxectivo pasa por abrir un e-commerce no que vender os meus propios produtos”.

Pola súa parte, Antonio Rodríguez Miranda aproveitou a visita ao municipio para lembrar que “a nova liña de axudas, que permitiu que 94 emprendedores retornados, moitos deles residentes nun concello do rural coma Boqueixón, se beneficiaran dun apoio económico en 2020, publicarase o próximo luns, día 29, cun orzamento de 800.000 euros”.

En 2020 a provincia da Coruña contou con 42 beneficiados por estas axudas. Na comarca de Santiago, desfrutaron delas 9 galegos retornados: 6 en Santiago, 1 en Ames, outro en Teo e outro en Boqueixón. Dende a posta en marcha deste programa, foron case 300 os galegos retornados que xa crearon un proxecto empresarial apoiado a través da Secretaría Xeral da Emigración.

Esta iniciativa autonómica permite ás e aos galegos que volven á súa terra de orixe, xa fosen nados na Galicia territorial ou nos seus países de destino, “sufragar gastos correntes orixinados pola posta en funcionamento dun negocio con ata 8.000 euros de subvención”, indican dende o Goberno galego.

27 mar 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.