Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
na vila //O Camiño e o talento local tamén están simbolizados TEXTO Alba Prada

Vedra rende homenaxe á flor da camelia cun monumento

A pesar das duras restricións que a pandemia está a impoñer no día a día, dende Vedra quixeron animar aos veciños e aos futuros peregrinos que pasen polo municipio inaugurando unha escultura adicada á flor da camelia do seu artista local máis internacional: Cándido Pazos, que forma parte do club dos Gallegos del Año, premio que otorga EL CORREO GALLEGO.

A escultura está ubicada no entorno da reitoral de Ponte Ulla, fronte á igrexa, precisamente no punto polo que os peregrinos entran en Vedra. O monumento de Cándido Pazos reúne tres ingredientes representativos do municipio: o Camiño, a camelia e o talento local. O artista, autor de pezas como a Porta de Europa en Santiago ou as Esferas Armilares do Parlamento Europeo, inspirouse, segundo dixo, nunha camelia do seu propio xardín. A flor foi coidada durante os últimos cincuenta anos, e é froito da fusión doutras tres. O nome é Camelia Xacobea.

No acto inaugural de onte non faltou o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, quen destacou do escultor vedrés a súa contribución para realzar o papel do concello na Ruta dos Xardíns da Camelia de Galicia e na difusión da tradición xacobea a través de moitas das súas esculturas.

Durante a visita, Rueda sinalou que o municipio conta no pazo de Santa Cruz de Rivadulla cun dos doce parques da Ruta da Camelia, que ao mesmo tempo é un dos cinco Xardíns de Excelencia Internacional da Camelia. Nesta liña, incidiu na importancia de dito itinerario por parques, xardíns e pazos de distintas localidades galegas “para promocionar un recurso turístico único en Galicia como reclamo fóra da tempada alta co que, por tanto, desestacionalizar o turismo”.

Ademais, trátase dun produto diferenciador e símbolo de identidade de Galicia que axuda a pór en valor o patrimonio natural e botánico da comunidade, e se converte en fío condutor para descubrir tamén o patrimonio histórico, cultural, artístico e mesmo enogastronómico. Para o vicepresidente primeiro da Xunta supón “unha experiencia que reúne os elementos nos que se sustenta o modelo turístico galego e que son cada vez máis demandados polosturistas na actual situación marcada pola COVID, é dicir, espazos naturais abertos e non masificados”.

Alfonso Rueda lembrou “o traballo levado a cabo pola Xunta nos últimos anos para conseguir unha sinalización turística propia para este circuíto e a súa regulación este ano coa constitución do Comité Camelia Galicia” co obxectivo de velar pola calidade dos xardíns e avaliar a posible incorporación de novos espazos. Rueda tamén apelou en Vedra, concello polo que pasan o Camiño do Inverno e a Vía da Prata, a implicación dos municipios na organización do mellor dos Xacobeos posibles que, pese á COVID, “manterá o seu esplendor con actividades máis pegadas ao terreo e descentralizadas por toda a xeografía galega”.

Rueda visitou asemade a ruta e a área de interpretación dos muíños da vila para uso de veciños, turistas e peregrinos. A Xunta colabora co Concello de Vedra no acondicionamento deste itinerario para consolidar o turismo desas zonas alzando a súa riqueza histórica, cultural, patrimonial e paisaxística.

O PROTAGONISTA
“é o noso artista máis internacional”
Carlos Martínez
Alcalde de Vedra

Cándido Pazos é “o noso artista local máis internacional e non podíamos permitirnos non ter en Vedra unha escultura del na que unise o Camiño de Santiago e a flor da camelia”, argumenta o rexedor vedrés. Segundo relata, o acto inaugural de onte estaba previsto que se realizase varios meses antes, pero “fomos retrasándoo pola COVID”. Non obstante, decidiron facelo xa porque “a nosa idea era celebralo antes de que comece o Ano Santo”, e aínda que foi un acto breve e “non puidemos convidar a todos os veciños da Ulla”, agora cando os peregrinos se animen a facer a Ruta Xacobea poderán desfrutar do monumento ao pasar por Ponte Ulla. “Esta escultura logra xuntar o Camiño, a camelia e a un artista local”, sentencia Martínez. Así, poñen en valor o talento da vila e tamén a flor da camelia que “é parte do espírito da xente de Vedra: non hai casa que non teña unha”.

{ A OLLADA }
Todo debe continuar
A. Prada

é de agradecer que os concellos miren cara o 2021 con optimismo. Como ben dixo o alcalde vedrés, os peregrinos van poder percorrer a Ruta Xacobea a pesar das restricións do coronavirus, polo que non debe deterse todo, e as iniciativas que persigan facerlles a estancia máis agradable (tanto aos peregrinos como aos propios veciños) deben continuar. É o caso desta escultura de Cándido Pazos, recoñecido artista vedrés que logrou reunir nun monumento o mellor da identidade da vila. Camelia Xacobea, que así se chama, non é só unha forma de homenaxear á flor da camelia, tan representativa da vila, senón que tamén busca pór en valor o Camiño e, por suposto, é a mellor maneira de presumir ante o mundo do talento do escultor.

05 dic 2020 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.