Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Continúan as propostas do Pasatempo con opcións para todos // Son ao aire libre e de pequeno formato TEXTO C. Estévez

Vedra vive como nunca o verán

Os vedreses están a desfrutar duns meses estivais cargados de diversión. O Concello pechou a programación do Pasatempo de Verán do mes de xullo, pero está xa inmerso na de agosto. Este programa municipal é toda unha aposta por actividades e espectáculos ao aire libre e de pequeno formato que percorren as 12 parroquias vedresas baixo o concepto dos tres momentos do día (amenceres, tardiñas e noitiñas). O mellor de todo é que as propostas están dirixidas a todo tipo de público, pois hai un amplo abano onde escoller. O Pasatempo de Verán nacía o ano pasado co firme obxectivo de brindarlle á veciñanza un espazo seguro no que desfrutar presencialmente das actividades culturais e de ocio. Este ano reforza a aposta neste concepto cunha programación completa e que tamén busca a colaboración asociativa e veciñal.

As propostas englobadas baixo o termo de Amenceres céntranse sobre todo en actividades deportivas e saudables ao aire libre como son a bailoterapia, o pilates, roteiros en piragüa... Aproveitando sempre para gozar de espazos naturais como as áreas de recreo de Agronovo e Cubelas ou puntos como Gundián. As chamadas Tardiñas están pensadas fundamentalmente para a infancia e a mocidade que nos martes e xoves respectivamente atopan actividades pensadas para o seu goce: xincana de xogos, quedada xove, música e piscina ou actividades acuáticas. Finalmente, as Noitiñas son a cita ideal para percorrer os doce campos da festa de Vedra, que por segundo ano consecutivo non teñen as súas habituais festas, con teatro, cine, música e monicreques para todas idades e en todas as parroquias que compoñen a vila.

DE BALDE. O Pasatempo continúa durante todo este mes con propostas de balde, pero para as que hai que inscribirse previamente na web www. concellodevedra.gal. E, do mesmo xeito, tamén en setembro está prevista unha andaina para o día 11 pola Vía da Prata e polo Camiño de Inverno.

09 ago 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.