Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Volve a Limpeza Simultánea de Adega a medio cento de municipios galegos o domingo // Van primar a seguridade pola pandemia // Desenvolverase na Barcala, Ames, Valga, Carballo, Lousame, Catoira, A Estrada, Melide, Arzúa, Teo e Rianxo TEXTO M. Manteiga

Visibilizan a conservación dos ríos en doce concellos de Área

Volve un ano máis, coma desde 2008, a Limpeza Simultánea que organizan os responsabeis do Proxecto Ríos de Adega para se desenvolver o vindeiro domingo. E este ano, do medio cento de concellos que van beneficiarse da iniciativa, un 24 por cento pertencen a algunhas das bisbarras de Área de Compostela. Os seus voluntarios (integrados ou a cargo de cincuenta e oito asociacións e administracións locais) sairán a liberar de lixo as bacías extremando as medidas de seguridade pola pandemia da covid-19.

Trátase dunha xornada na que os participantes toman os seus ríos “para recoller o lixo que atenta contra a riqueza dos nosos ecosistemas fluviais”, elevando dende a coordinación da iniciativa a “miles de quilogramos de refugallos” que xa foron extraídos. Nesta ocasión, e pendentes da previsión do tempo –que pode facer que algún colectivo adíe a súa saída– vanse cubrir cuarenta e nove municipios, doce deles de Área. Trátase dos de Negreira, A Baña, Teo, Ames, Valga, A Estrada, Arzúa, Carballo, Catoira, Lousame, Melide e Rianxo, e entre os colectivos que asumen a iniciativa en cadansúa contorna constan a asociación cultural Afonso Eanes para os dous primeiros municipios; o Concello de Teo; o de de Ames; Muíño Didáctico de Campaña; A Xesteira; Asociación de Pescadores Amigos do Río Iso; Adega Carballo; Ecoloxistas de Catoira; Montescola; Asociación Melidá e o Concello de Rianxo.

O Proxecto Ríos, de calquer xeito, vai máis aló dun acción concreta para eliminar refugallos: trátase dun programa de educación e voluntariado ambiental “que ten a finalidade de dar a coñecer o importante papel dos cursos fluviais, amosar as súas problemáticas así como fomentar iniciativas que permitan á cidadanía o mantemento e a mellora dos ríos proporcionando as ferramentas que garantan a súa participación”, din na organización de Adega (a promoción e financiamento fainos Augas de Galicia, organismo que pertence á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade). Ademais, no presente 2020 cúmprense quince anos dende que se creou.

Na propia web, proxectorios.org, figura o listado de colectivos participantes e máis o número de contacto para todos aqueles que queiran botar unha man na xornada.

No que atinxe ao balance de anos anteriores, a XII Limpeza Simultánea de Ríos do pasado 2019 chegou ata 52 concellos de toda Galicia. En cada localidade a actividade foi coordinada por diferentes entidades, dende asociacións ecoloxistas, culturais e, incluso, fundacións, centros de ensino e concellos, chegando aos 72 colectivos. Asemades, houbo concellos nos que participaron varias asociacións limpando diferentes ríos como foi o caso de Ourense, Fene ou Santiago de Compostela, entre outros. Ese ano fíxose a limpeza en 55 treitos de río e participaron 1.108 persoas, a maior cifra “dende o inicio da actividade”, apuntan dende a organización, que ten coma tradicional baledo a Paco Bañobre.

E ao falar do cálculo de residuos retirados nese 2019, estiman que foron “máis de catorce toneladas”, aínda que o obxectivo principal deste plan non é “suplir o traballo da administración” con man de obra barata, pero si “axuda a concienciar á sociedade”, rematan en Adega.

O protagonista
“Seguiranse as normas pola covid-19”
Francisco Bañobre
Coordinador do Proxecto Ríos

O responsable do Proxecto Ríos, Paco Bañobre, confirmaba a este xornal que a incidencia da pandemia tamén chegou a este tipo de accións, polo que se comunicou aos coordinadores dos distintos grupos que sairán o domingo a limpar “que tomen en consideración e sigan as normas pola covid-19”, dependendo ademais da situación sanitaria de cada zona.

Deste xeito, dende o Proxecto Ríos recomendan que os grupos sexan de 10 persoas como máximo e se respecte sempre que sexa posible unha distancia de 1,5 metros. O uso de máscara será de obrigatorio para todas as persoas participantes, e cada voluntario deberá levar as súas propias luvas, “a poder ser, resistentes”. Tamén avógan porque sexa unha mesma persoa a que manipule as bolsas con residuos.

Respecto das condicións do tempo, Bañobre lembraba que “depende de cada grupo a decisión se saír ou non este domingo, pero en principio non contamos con suspendelo, e vaise promover aínda que chova”, remataba Bañobre.

Polo demais, o protocolo será similar ao de anos anteriores, nos que xa se pedía, por exemplo, que se limpase o material utilizado (botas, roupa, sachos, entre outro), “especialmente se o ides empregar de novo noutro río, xa que podedes estar dispersando sementes de flora exótica invasora ou, no caso de anfibios, transmitindo enfermidades”, explicaban.

{ Trasquilator }
Continuidade e investimento
Marcos Manteiga

Deixando á marxe que estas limpezas deberían institucionalizarse por parte da administración, e darlle unha periodicidade axeitada –a cantidade de refugallos atopados obriga a ir máis aló da visibilización–, o Proxecto Ríos debería ensinarse nas escolas e amplialo aos montes e o resto do medio. As ameazas que espreitan á natureza galega, tanto da man dos industriais sen remorsos como polos domingueiros que pensan que ninguén de vai decatar da presenza dunha cabicha esquecida, son demasiadas para deixar esta actividade de Adega nun simple xesto. Concienciar está moi ben. E asumir a conservación do medio, aínda mellor. Pero a realidade é que o lixo que vemos, e o que non, obriga a ir máis aló e investir nesta labor.

26 sep 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.