Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Operan en 22 concellos de Área de Compostela, onde realizan labores de rescate, manutención e adopción de cans e gatos // As súas instalacións, en Zas, contan con todas as comodidades // Ofrecen charlas aos nenos polos colexios TEXTO Alba Prada

XEA, un exemplo a seguir en materia de Benestar Animal

É realmente admirable o traballo daqueles que adican as súas vida a coidar dos animais, tan pouco tidos en conta por unha boa parte da humanidade. É triste, moi triste, escoitar os comentarios de quen non os considera como iguais, senón como simples obxectos. Afortunadamente, agora que moitos foron domesticados polo home e xa non saben vivir sós, é de agradecer que existan asociacións e empresas que se adiquen a salvar as vidas de todos aqueles que vagan polas rúas, sen un lugar onde guarecerse. E que ademais se encargan de alimentalos e de que atopen un fogar.

É o caso da Axencia de Xestión Ética do Abandono (XEA), unha empresa que se adica a rescatar os cans e gatos abandonados en 25 municipios galegos. No caso de Área operan en 22: A Baña, Camariñas, Carnota, Cee, Corcubión, Coristanco, Dumbría, Fisterra, Lousame, Mazaricos, Melide, Muros, Muxía, Noia, Oroso, Outes, Padrón, Porto do Son, Rois, Santa Comba, Vimianzo e Zas. Tamén están en Santiago. É en Zas onde esta entidade, que naceu tres anos atrás, ten a súa sede. O director de XEA, Óscar Villar, explica que foron crecendo máis rápido do agardado despois de que a Xunta obrigase aos Concellos a contar con este tipo de servizo. “Os que desexen contratarnos deben saber que o presuposto varía en función da poboación ou da distancia. Non é o mesmo rescatar un can ou gato nunha cidade que no rural, onde se complica”, argumenta Óscar. Ademais as vilas teñen a posibilidade de pagar por rescate ou ben axustar un número de prazas.

Cando un dos municipios nos que operan detecta un abandono, póñense en contacto con eles, que o recollen e o levan para as instalacións que teñen en Zas (excepto no caso de Santiago, que van para o Refuxio de Bando). O animal é desparasitado e durante uns días permanece nunha zona de cuarentena por se posúe algún virus. Unha vez o can ou gato foi ben revisado, permiten que sexa adoptable se en dez días ninguén o reclama. Tamén contan cun cuarto illado por se algún finalmente ten un virus, e outro para os máis perigosos. Por suposto, indica o director de XEA, “cumpren todas as normativas de Benestar Animal”. E é que de feito, a prioridade da entidade é a calidade de vida dos cans e gatos mentres permanecen nas súas instalacións, ata tal punto que van ser pioneiros en introducir camas de calor, ata sesenta. “Cada dez canceiras hai unha zona de ocio para que poidan saír, non escatimamos en investir nas instalacións”, insiste Óscar.

No caso das adopcións, segundo explica, “teñen preferencia as nacionais”. E é que XEA traballa tamén cunha asociación homologada que actúa en Alemania, Inglaterra e Holanda, á que envían aos animais cando se acepta unha adopción internacional. Acoller non ten custe “só o de esterilización, vacina e microchip, aínda que hai concellos como o de Padrón que se encargan deses gastos”, indica o director de XEA. Precisamente neste municipio veñen de impartir unha charla entre os escolares. Ofrécenas cada ano nos concellos nos que operan, e de feito, lamentan que algúns non as programen posto que as fan de balde e logran concienciar aos máis pequenos da responsabilidade que implica coidar dunha mascota.

Dende XEA queren aproveitar para reinvindicar a profesionalización do sector. “Non estamos en contra do voluntariado”, aclara, “pero o noso labor ten que profesionalizarse para facer as cousas ben”. Apunta asemade, que como empresa, non admiten doazóns, pois teñen os gastos cubertos, só as aceptan se é algo beneficioso para o animal.

23 nov 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.