Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Dumbría. A contorna da máxica fervenza estrea esta Semana Santa un novo espazo que acolle os postos de venda // Encaixes, bixutería, olería, coiro e outros souvenirs persoalizados centran a oferta // Dispón ademais de cafetería con terraza, xeadería e unha tenda de produtos gastronómicos galegos TEXTO J. Ramos

A pérgola das artesanías do Ézaro

A contorna da máxica fervenza que forma o río Xallas cando verte as súas augas ao Atlántico no Ézaro segue reforzando o seu atractivo con novos servizos, como a gran pérgola deseñada polo Concello de Dumbría e estreada esta Semana Santa.

Trátase dunha gran cúpula acristalada (máis de 400 metros cadrados) con inmellorables vistas, que da cobixo aos postos de venda, na súa maioría de artesanía, que antes estaban diseminados. Encaixes, pezas de olería de Buño, bixutería, artículos elaborados con coiro e outros souvenirs persoalizados centran a oferta dos espazos artesanais, que se complementan cunha cafetería con terraza, unha xeadería e unha tenda especializada en produtos gastronómicos galegos (conservas, licores, empanadas...).

A gran maioría xa levaba anos ofrecendo os seus produtos ao pé da fervenza, pero agora ven revalorizada a súa imaxe ao tempo que gañan en confort, tanto os artesáns como os propios visitantes. Ana Delia Bergara, que foi a primeira en instalar o seu posto de venda no Ézaro hai 11 anos asegura estar “muy contenta y agradecida al Concello por este nuevo espacio”. É natural de Colombia, está casada cun ceense e aínda lembra cando visitou a zona por vez primeira. “Le dije a mi marido que como era posible que en un lugar tan mágico como éste no hubiese ningún puesto de venta de souvenirs”, afirma. Iso animouna a ser a primeira en dar o paso. No seu posto pódese atopar un ampla variedade de bixutería artesán feita con diversos materiais, mesmo con sementes de café da súa terra natal.

O coiro transformado en multitude de pezas artesáns e, nalgúns casos, combinado con madeira e redes de Sardiñeiro, enche o posto de Artesanía Arroás, que rexenta Laura Romero, unha ceense que comezou neste mundo da artesanía no faro de Fisterra, logo de deixar o seu traballo na hostalaría. Leva máis de seis anos no Ézaro e di estar “encantada” baixo a nova pérgola.

O mesmo sente a palilleira muxiana Lucita Figueroa, que leva tamén anos cautivando coas súas puntillas aos turistas no Ézaro. Algúns, procedentes de China (antes da pandemia), mesmo lle dixeron que “facía maxia” cos seus bolillos.

Pezas moi variadas decoran o seu novo posto, e entre elas sobresaen as que se converteron nun dos seus produtos estrela: as máscaras con encaixe. Ofrece deseños variados e diferentes cores. Todo elo coa etiqueta Artesanía de Galicia, a cal incorpora un código QR que permite aos compradores coñecer a través dos seus dispositivos móbiles a traxectoria profesional de Lucita.

Ao seu lado, a súa nora, Damaris Sotelo, rexenta outro posto de produtos artesanais, entre eles pezas de olería de Buño, ademais de bixutería, coiro, artigos vinculados ao mundo mariño e uns atractivos souvenirs con imán decorados coa imaxe da fervenza do Ézaro, entre outras, e que son uns dos máis aprezados polos turistas.

A xeadería de María Lola e a cafetería que rexenta Ovidio Castro, na que este sábado facían cola os turistas, complementan a oferta de servizos da nova pérgola, que vén a complementar outros equipamentos como a pasarela flotante que achega aos visitantes ata a mesma fervenza para obter unha mellor visión das augas do Xallas precipitándose ao mar. A zona dispón ademais de canchas deportivas, parques infantís, zonas axardinadas, un pequeno porto náutico e a oficina de información turística, entre outros servizos.

Complementos que, xunto co atractivo natural do espazo, están a consolidar a O Ézaro como un dos principais destinos turísticos de Costa da Morte. A pesar das restricións de mobilidade e de que Galicia segue pechada perimetralmente, milleiros de persoas achegáronse ata este punto na Semana Santa, sendo o venres un dos días de maior afluencia. Agora agardan que o verán sexa aínda mellor.

04 abr 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.