Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

A residencia de maiores de Pino de Val terá 50 prazas e estará operativa en 2024

Mazaricos. A transformación do antigo CEIP Pino de Val nunha residencia da terceira idade avanza, logo da elaboración da memoria técnica deste proxecto. A comisión de seguimento, da que forman parte o alcalde de Mazaricos, Juan Blanco, e a concelleira de Servizos Sociais, Sandra Alvite, así como persoal municipal, estuda un plan de viabilidade que contempla o investimento de 2.194.000 €.

As modificacións sobre o complexo, de 1.300 metros cadrados de edificación nunha parcela de 5.600, permitirán a instalación dunha residencia de maiores con 50 prazas. Está previsto que poida entrar en funcionamento en 2024. No proxecto impulsado polo Concello a concesión contempla condicións prioritarias de acceso á veciñanza mazaricá. Ademais, estas usuarias e usuarios do municipio terán dereito a un prezo reducido.

A transformación será posible logo das obras de adecuación que poderán iniciarse dentro de poucos meses. A duración prevista das mesmas é dun ano, polo que a residencia estaría operativa en 2024.

Na planta baixa do edificio habilitaranse unha zona médica, unha enfermaría con baño, unha área de illamento, unha lavandería e un comedor. Tamén se construirán dez habitacións dobres con cadanseu baño e outras dúas individuais. Na planta superior serán 18 as habitacións dobres con equipamento completo. No proxecto inclúense varias zonas comúns para o uso das persoas usuarias no lado esquerdo do edificio, que acollerá igualmente unha área administrativa.

Local social para a veciñanza

A intervención no complexo non se limita ás obras da residencia. O Concello utilizará fondos propios para transformar a antiga casa do conserxe nun local social. Este edificio atópase separado do complexo principal e conta con 85 metros cadrados de superficie. O local quedará ao dispor e para uso exclusivo das veciñas e veciños de Pino de Val.

O alcalde, Juan Blanco, considera que “pensamos que é un bo uso para ese inmoble. Con isto ábrese unha posibilidade da que non se dispoñía e que permitirá dar un servizo do que agora non dispoñen os veciños da localidade”.

Un proxecto moi estudado

O actual proxecto para a instalación dunha residencia da terceira idade en Pino de Val xorde como resultado dun longo proceso de identificación das carencias neste ámbito na localidade e do estudo de experiencias e modelos noutros concellos de Galicia. O alcalde, Juan Blanco, amosouse satisfeito de que se dean pasos para sacar adiante un proxecto “especialmente complexo”. Lembrou que “houbo moito traballo previo, moitas entrevistas e moitas visitas a centros similares co fin de ver a viabilidade”.

01 feb 2023 / 06:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.