Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

A vila do mañá chegará a Vimianzo o 29 deste mes

VIMIANZO. Vimianzo acollerá este ano a iniciativa A vila do mañá, unha proposta lúdico educativa dirixida á rapazada para avaliar e recuperar a identidade dos seus pobos e cidades.

A localidade soneirá formará parte deste Proxecto tras ser seleccionada para a XII BIAU (Bienal Iberoamericana de Arquitectura e Urbanismo). Nos últimos anos esta iniciativa desenvolveuse en distintas localidades galegas, chegando mesmo ata San Paulo, no Brasil. No caso de Vimianzo, as actividades e obradoiros desenvolveranse do 29 de agosto ao 2 de setembro.

A programación contará cun total de 40 prazas, e poderán inscribirse os nenos e nenas nados entre o 2010 e o 2016. O reto principal deste proxecto é que a infancia e a adolescencia estean presentes de forma activa no proceso de construción dos espazos comúns, dotándoos das ferramentas necesarias para desenvolver a súa creatividade dende a arte e a arquitectura.

Deste xeito, a rapazada poderá desfrutar de actividades gratuítas relacionadas coa arte e a arquitectura nas rúas e espazos públicos de Vimianzo a través de seis conceptos: a percepción, o espazo, a paisaxe, a escala, a sustentabilidade ou a vila, e con ferramentas coma o punto, a liña o plano e o elemento natural e tridimensional. Os obradoiros desenvolveranse de 10.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 20.00 horas.

Desde o goberno local agardan que os nenos e nenas se sumen a unha proposta “dinámica, especial e moi importante para toda a veciñanza, posto que de aquí poden saír as bases de moitos proxectos futuros que tan só traerían beneficios ao municipio”.

En definitiva A vila do mañá é un proxecto que quere que os nenas e nenas aprendan a mirar o lugar onde habitan, tendo con eles dúas poderosas ferramentas: a arte e a arquitectura. Son dous elementos que serven para aprender o mundo e, o máis importante, para transformalo.

Para iso, trátase de combinar ferramentas de distintas disciplinas para que os mozos saiban así de arquitectura, arte, paisaxe, urbanismo e sustentabilidade. C.G.

15 ago 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.