Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

A Xunta move ficha para garantir o transporte ós estudantes de Muxía

Mobilidade di que tivo coñecemento da demanda dos pais “a través da prensa” // Negociarán coa empresa concesionaria axustes nos horarios para o retorno

Despois de que o pasado venres un grupo de nais e pais de Muxía denunciase a través deste medio a falta de transporte público para que os seus fillos poidan continuar os seus estudos nos dous institutos de Cee, a Dirección Xeral de Mobilidade asegura que, ante a falla dunha expedición axeitada que permita volver aos estudantes á vila da Barca, xa está a avaliar, xunto coa empresa concesionaria, “posibles axustes nos horarios do autobús regular que permitan atender a estes alumnos sen prexudicar a outros colectivos”, sinala.

Actualmente, afirman, hai un autobús que sae de Muxía ás 07.30 horas e chega a Cee en torno ás 08.00, “o que permite chegar ás clases tras percorrer uns 600 metros desde a parada ata os institutos”, din. Lembran que “os alumnos de ensinanzas non obrigatorias non teñen dereito a transporte escolar gratuíto, se ben os menores de 21 anos poden viaxar gratis no autobús autonómico regular coa tarxeta Xente Nova”.

Explican tamén que tiveron coñecemento desta petición, “primeiramente, a través da prensa”, e despois mediante un escrito dunha nai dun dos alumnos e outro do Concello de Muxía que, engaden, “dirixiu, equivocadamente, á Axencia Galega de Infraestruturas, sendo recibido na mañá deste luns na Dirección Xeral de Mobilidade”.

Pola súa banda, o alcalde, Iago Toba, que tamén remitiu escritos ás empresas Monbús e Arriva, asegura que “máis alá da necesidade de solucionar un problema que afecta aos nosos estudantes, hai que poñer fin a unha discriminación, pois os mozos e mozas de Muxía que queren ir estudar a Cee non poden facer uso da tarxeta Xente Nova porque non dispoñen de autobús para poder empregala”.

Confía en que dende a Xunta de Galicia busquen unha alternativa, porque “habilitar unha liña adaptada ás necesidades destes estudantes pode ser aínda máis rendible que a do transporte público convencional, xa que estamos a falar que farían uso da mesma uns trinta mozos”.

Iago Toba apela ademais a “ir máis alá das promesas e acometer, de verdade, políticas que non discriminen ás xentes do rural, pois iso redundaría no beneficio de todos e é a maneira de contribuír a fixar poboación, ademais de favorecer unha economía circular”. De non obter unha solución di que “seguiremos loitando por ela”.

31 ene 2023 / 06:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.