Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Adxudican a mellora do firme da vía AC-440 ao seu paso por Muxía

Os traballos contan cun orzamento de 48.000 € e levaranse a cabo en catro treitos

Muxía. A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galicia vén de adxudicar as obras para a execución da mellora do firme na estrada autonómica AC-440, ao seu paso polo concello de Muxía. Segundo consta no proxecto, a mencionada actuación, que foi adxudicada á empresa Construcciones López Calo S.L. por un importe total de máis de 48.000 euros, comezará ó longo da vindeira semana e terá un prazo de execución dun mes.

Segundo indicaron dende a mencionada administración autonómica, esta importante obra incluirá diversas actuacións na contorna da curva situada no punto quilométrico 7+800, así como nos treitos desta vía entre os puntos 11+020 e 11+080, 11+500 e 11+540, 11+800 e 12+300.

Os traballos consistirán no fresado e a reposición da capa de rodaxe do firme nos ámbitos sinalados.

O Goberno galego continúa traballando no mantemento e conservación da rede viaria autonómica coa fin de reforzar a seguridade e de potenciar o desenvolvemento económico e social.

A AC-440 é unha estrada pertencente á rede primaria complementaria da Xunta de Galicia que une as localidades coruñesas de Berdoias e Muxía, logo duns 15,5 quilómetros. Comeza o seu percorrido no cruce da AC-552 coa AC-441, en Berdoias. c. g.

20 oct 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito