Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Alerta ante un plan eólico que invade a área dos Penedos

O espazo rochoso de Pasarela e Traba de Laxe foi declarado Paisaxe Protexida no ano 2009

Os Penedos de Traba (Laxe) e Pasarela (Vimianzo), declarados como Paisaxe Protexida pola Xunta no ano 2009 (só hai dúas en Galicia), levan anos esperando por un plan que permita poñer en valor a súa contorna e agora vense ameazados por un proxecto de parque eólico que contempla a instalación de dous aeroxeradores dentro da delimitación da paraxe natural.

Así figura na documentación de inicio do procedemento de avaliación de impacto ambiental presentado ante a Consellería de Medio Ambiente por EDP Renovables España, baixo o nome de Parque Eólico Monte Chan, que contempla a instalación de nove aeroxeradores nos municipios de Laxe e Vimianzo.

A iniciativa fixo saltar as alarmas de diversos colectivos e partidos políticos, que comenzaron a demandar apoios para evitar que o proxecto sexa aprobado. É o caso da asociación Contramínate que, a través das súas redes sociais, foi quen deu a voz de alerta e prepara xa alegacións. Pola súa banda, a edil vimiancesa Marta Rei (Adiante Vimianzo) recurriu á plataforma Change.org para recoller sinaturas en contra do proxecto, que remitirán á Xunta e áo Concello. A media tarde do martes xa contaba con máis de 800 apoios.

Tamén o seu grupo, Adiante Vimianzo rexistrou unha moción solicitando o apoio da Corporación para rexeitar a instalación de parques eólicos na Paisaxe Protexida dos Penedos de Pasarela e Traba, e defender “a integridade paisaxística” da zona.

Piden ademais que se requiran informes aos técnicos municipais e que o Concello, como administración pública afectada, rexeite a instalación eólica.

Pola súa banda, Xose María Lema, presidente do Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte (Semescom), un dos colectivos que liderou a defensa dos Penedos de Traba e Pasarela cando se viron ameazados por unha canteira, e que vén demandando a súa posta en valor, sinalou que “hai que impedir a toda costa que este proxecto vaia adiante”. Asegura que “se perdemos un dos nosos potenciais, que é a paisaxe, xa non nos queda nada”, polo que confía en que a Xunta “non aprobe isto, pois senón para que serve unha Paisaxe Protexida se non se respecta?”.

Lembra que os Penedos de Traba e Pasarela son, xunto co Val do río Navea, as dúas áreas declaradas como Paisaxes Protexidas en Galicia. Entende Lema Suárez que “bastaría cun só aeroxerador para invalidar esta figura de protección”. A este respecto, hai que subliñar que o proxecto contempla a ubicación dunha das máquinas ao pé da icónica Cachucha, na zona da Pedra Grande da Barca, e outra no monte do Vadalama, na área de influencia dos Penedos de Pasarela, afectando ademais ao patrimonio arqueolóxico existente, segundo Adiante Vimianzo.

Informes e publicacións

Xosé María Lema lembra que a mobilización social xa impediu anos atrás paralizar unha canteira nos Penedos de Pasarela, e aquel rexeitamento veciñal foi tamén o xerme da futura protección do espazo natural que acabou sendo declarado como Paisaxe Protexida, a partir dun informe da Universidade de Santiago “elaborado por Augusto Pérez Alberti, quen definiu esta paraxe coma un museo ao aire libre”, afirma.

Tamén dende o Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte fixeron unha importante labor na defensa e promoción dos Penedos, sobre os que elaboraron un vídeo e un libro, entre outras publicacións, os cales poden visualizarse na súa páxina web (semescom.gal).

Lema Suárez alerta ademais que outro dos proxectos eólicos en tramitació afecta aos Penedos da zona de Camelle que, “aínda que neste caso non están protexidos, presentan unhas formacións moi singulares. Unha das rochas mesmo recorda ao famoso cadro do Guernica”, polo que entende que ese espazo tamén debería quedar libre deste tipo de instalacións.

16 feb 2021 / 18:41
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.