Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Augas avala a modificación da concesión hidroeléctrica de Santa Uxía

Afirman que os dereitos impiden a Xeal segregar as actividades e obrigan a manter o emprego

Cee. A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, lembrou no Parlamento que os dereitos concesionais do salto de Santa Uxía e nos ríos Xallas e Grande están vinculados á non segregación da actividade e ao mantemento do emprego e da actividade industrial en Xeal. Explicou ademais que a modificación solicitada pola empresa sobre a concesión hidroeléctrica de Santa Uxía xa outorgada, e que está en tramitación a día de hoxe, “non implica en modo algún alteración dos condicionantes da concesión impostos desde os anos 90 en relación co cumprimento da cláusula de non segregación das actividades de produción de enerxía eléctrica e de ferroaliaxes”.

Unha condición, incidiu Teresa Gutiérrez, que continúa “sendo de obrigado cumprimento para a empresa e non só en relación co salto de Santa Uxía, senón tamén coas concesións outorgadas no río Xallas e Grande”.

Detallou que non se ten constancia de incumprimento por parte da empresa, das condicións impostas na concesión nas fábricas de Cee e Dumbría. Remarcou, nesta liña, o compromiso da Xunta “co estrito cumprimento da lexislación advertindo que, non ter en conta os condicionantes requiridos, suporía a extinción dos dereitos concesionais outorgados”.

Incidiu en que o titular das concesións, xa sexa a actual mercantil Xeal ou outra, “está obrigado, inescusablemente e durante toda a vida dos títulos habilitantes, ao mantemento do emprego e a actividade industrial das fábricas; unha actividade, lembrou, á que estaba vinculado xa na súa orixe o destino das concesións hidroeléctricas, como así se plasmou nos diversos títulos de outorgamento concesional o fin industrial cara o que se proxectaba a enerxía eléctrica producida nos ríos Xallas e Grande.

Lembrou que, para preservar a actividade e os postos de traballos das fábricas implantadas na zona da Costa da Morte, a Xunta introduciu para outorgamento da concesión a imposición da cláusula de non segregación das actividades de produción de enerxía eléctrica e de ferroaliaxes, de cumprimento obrigado pola empresa concesionaria.

05 may 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Cee
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.