Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Camariñas contará con fondos provinciais para renovar a rede de auga da capital local

Substituirán a actual tubaxe de fibrocemento por unha de polietileno para evitar os problemas de mantemento

Camariñas. A Deputación da Coruña apoiará con 88.000 euros ao Concello de Camariñas para financiar o proxecto de renovación da rede principal de abastecemento de agua ao núcleo da capital municipal.

O convenio, que se aprobará este venres no pleno do organismo provincial, permitirá sufragar o 78,2% da obra, que conta cun orzamento de 102.266,95 euros, e o restante será asumido polas arcas municipais.

Os traballos que se levarán a cabo implican a substitución da actual tubaxe de fibrocemento de 200 mm. que une o depósito de abastecemento de Camariñas co núcleo de Outeiro, onde se realizará a conexión coa tubaxe existente, cunha nova de polietileno. Posteriormente, procederase á limpeza de cunetas e á pavimentación da zona afectada.

Esta renovación permitirá solucionar os problemas de mantemento que está a ter a día de hoxe unha rede que “xa é moi antiga e que sofre periodicamente fallos no subministro, avarías...”, afirman dende o Concello camariñán.

Ademais de constituír unha mellora da instalación, “é unha necesidade imperiosa para os veciños e veciñas da zona, xa que dá servizo diario a 2.500 habitantes, aumentando esta cifra no verán, e tamén abastece a unha das principais industrias conserveiras”, conclúen.

CONTEDORES. Asemade, o Concello de Camariñas está a renovar e aumentar os contedores de todo o municipio para lograr unha mellor e máis eficiente xestión dos residuos.

Así, están a instalarse máis contedores amarelos e substitúense os verdes que están vellos ou en mal estado, asegurando todos con soportes de suxección.

Esta renovación é posible grazas a unha subvención da Xunta de Galicia, con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental, coa cal o Concello adquiríu 40 suxeita contedores; 30 colectores verdes de 800 litros e 7 de 240 litros, que se instalarán nas praias durante o verán; 30 contedores amarelos de 800 litros e 8 de 240, e tamén 5 iglús para a recollida de cartón.

O concelleiro de Medio Ambiente, Sergio Caamaño, lembra á veciñanza “a importancia de separar os residudos nos fogares e no momento de depositalos para, entre todos, mellorar a xestión dos residuos do municipio”. MANUEL LAVANDEIRA

25 nov 2020 / 17:42
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.