Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Constituida a Plataforma Salvemos os Penedos

Sumáronse á iniciativa unha decena de asociacións culturais, ambientais, veciñais e de turismo rural

O pasado sábado, vinte e dúas persoas que representaban a máis dunha decena de asociacións culturais, ambientais, veciñais e de turismo rural, entre outras, constituiron a Plataforma Salvemos os Penedos. A maioría delas xa se uniran hai máis de 20 anos nunha anterior loita pola conservación deste espazo, ameazado por unha canteira, que rematou coa consecución da declaración de Paisaxe Protexida, sendo unha das dúas únicas zonas declaradas Paisaxe Protexida en Galicia.

Os participantes foron coincidentes á hora de tachar de “inconcebible” a implantación dun parque eólico nunha paraxe natural única en Galicia, facendo especial fincapé en que “non aceptaremos pactos coa empresa no caso de ofrecer esta a retirada dos aeroxeradores que se instalalan dentro da propia paisaxe protexida, como se pode prever na redacción do proxecto, senón que non imos aceptar que se implante o parque eólico na área de influencia dos penedos”.

O obxectivo fundamental da plataforma, aseguran, é a loita pola integridade dos Penedos de Pasarela e Traba e a súa área de influencia, que pasa por instar á Xunta de Galicia a que cumpra co Decreto 294/2008 de Declaración de Paisaxe Protexida desta paraxe natural, “que leva 12 anos de innacción por parte desta administración, instando, tamén, a que se declare a contorna desta paraxe libre de eólicos”, sinalan.

A preservación da paisaxe, engaden, é fundamental para a Costa da Morte, desde o punto de vista ambiental, cultural, turístico e económico. “Os parques eólicos non supoñen ningunha riqueza para a poboación local, ocasionan máis prexuízo ca beneficio á veciñanza”, afirman. A Costa da Morte produce enerxía “e non sacamos ningún beneficio, e estas instalacións supoñen o detrimento do turismo, sector en auxe na zona, pois perdemos o principal atractivo: a paisaxe”.

A plataforma alentará á presentación de alegacións, tanto a nivel individual coma por parte de diferentes entidades, ao procedemento de avaliación de impacto ambiental do parque eólico Monte Chan, ante a Consellería de Medio Ambiente.

No mes de xuño deste ano cúmprense 15 anos da marcha reivindicativa contra a canteira, polo que a o colectivo propúxose conmemorar esta data organizando unha mobilización social contra os eólicos nos Penedos, se a situación sanitaria o permite. Ademais traballa xa na organización de iniciativas e actividades previas á mobilización de xuño.

A plataforma está desenvolvendo un importante labor divulgativo e reivindicativo a través das redes (Facebook e Instagram: Salvemos os Penedos), e continúa coa recollida de sinaturas a través da plataforma change.org, que superá xa os 3.000 asinantes.

24 feb 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.