Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Convidan aos veciños de Zas a recuperar os topónimos de montes e leiras

Zas. A campaña Toponimízate, Falámosche dos nomes da túa terra chegará o luns 28 de novembro ao concello de Zas. O coordinador da unidade técnica do Seminario de Onomástica, Vicente Feijoo, impartirá unha charla nos IES Maximino Romero de Lema (Baio) ás 16.30 horas, aberta a todo o público.

As persoas asistentes aprenderán a forma de colaborar na recolla de nomes de montes, leiras, fontes e outros microtopónimos facendo uso da aplicación colaborativa Galicia Nomeada. O filólogo explicará tamén a orixe e o significado dos nomes das parroquias de Zas e do propio municipio.

A sesión pecha o calendario deste ano da campaña Toponimízate, unha iniciativa coordinada pola Real Academia Galega, en colaboración coa Xunta, concibida para que a cidadanía coñeza a gran riqueza que constitúe a toponimia tradicional e se implique na súa preservación.

Todos os nomes das entidades de poboación (concellos, parroquias, lugares) figuran no Nomenclátor de Galicia, pero quedan aínda moitos microtopónimos, nomes de leiras, devesas, camiños ou penedos, sen rexistrar.

O proxecto Galicia Nomeada, compartido tamén pola RAG e a Xunta, facilita que as persoas que preservan na súa memoria este patrimonio inmaterial, que fai de Galicia un lugar único no mundo, impidan a súa perda a través dunha sinxela aplicación que se instala nos dispositivos móbiles.

Esta ferramenta, que promove tamén a participación interxeracional, permite xeorreferenciar cada espazo e enriquecer cada entrada con fotografías e lendas ou contos asociados a el, entre outra información.

25 nov 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Zas
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.