Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Cuarto obradoiro de emprego para Vimianzo, Muxía e Camariñas

Os concellos de Vimianzo, Muxía e Camariñas presentaron este luns a cuarta edición do obradoiro dual denominado Camiño ao Emprego 2022. Trátase dun fito histórico, pois ningún concello ata o de agora fora quen de acoller catro obradoiros deste tipo.

A iniciativa, que contará coa participación de 20 alumnos e alumnas, desenvolverase de forma simultánea nos tres municipios, con Vimianzo como promotor. Os certificados de profesionalidade que se repartirán correspóndense cos de Montaxe de mobles e elementos e carpintería e Operacións auxiliares de revestimentos continuos en construción.

A subvención para realizar o obradoiro concedéuselle ao Concello de Vimianzo por valor de 503. 987 euros, con cargo ao orzamento da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade para o financiamento dos custos de formación profesional para o emprego. Así mesmo, concédense 30.000 euros para 20 incentivos á contratación laboral.

Ao longo destes 12 meses o alumnado realizará diferentes labores de revestimento e carpintería en diferentes localizacións destes concellos da Costa da Morte.

A rexedora de Vimianzo, Mónica Rodríguez, quixo facer fincapé nas posibilidades laborais que xeran este tipo de obradoiros “que ofrecen unha ampla gama de saídas laborais e permiten aos alumnos e alumnas adquirir novos coñecementos formativos para construír o seu futuro” e “ademais permite que se realicen diferentes traballos de melloras nos municipios que redundan no beneficio de toda a veciñanza”.

A alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, subliñou que “este taller supón unha oportunidade laboral importante nos tempos que corren, e ademais outorga uns certificados que están moi ben valorados nos ámbitos relacionados con estes certificados”. Pola súa banda, o alcalde de Muxía, Iago Toba, recalcou “o beneficio a nivel formativo que estes obradoiros lles outorgan aos participantes ao aprender novas competencias de cara a súa vida laboral, que á súa vez desembocan en novas posibilidades laborais”.

04 oct 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.