Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Cultura e ocio histórico esta fin de semana en Camelle, Arou e Cabana

Nas vilas camariñanas rememorarán o ‘City of Agra’ e en Borneiro darán vida ao castro

Camariñas. As vilas camariñanas de Camelle e Arou acollerán esta fin de semana, do 8 ao 10 de xullo, o evento City of Agra, 125 anos na memoria, o maior programa cultural dedicado a un naufraxio en Galicia, que se desenvolverá polos cento vinte e cinco anos da catástrofe do buque inglés.

A Asociación Naufraxios Galegos e o Concello de Camariñas, en colaboración coa Confraría de Pescadores de Camelle, organizan este compendio de actividades no que, ademais do programa deseñado, haberá exposición, feira mariñeira e un concurso de tapas nos bares.

A programación arrincará o venres, 8 de xullo, coa apertura da exposición City of Agra, 125 anos na memoria. Ao longo das tres xornadas haberá concertos, roteiros de naufraxios, sardiñada, foliada, pasarrúas... O domingo, 10 de xullo, día da clausura, ás 12.30 horas farase unha homenaxe aos náufragos da Costa da Morte e ás 12.50 horas unha recepción de autoridades aos náufragos do City of Agra e entrega de medallas.

Pola súa banda, o Concello de Cabana organiza unha nova edición do Castro Animado o sábado 9 de xullo en Borneiro. Os castrexos e as castrexas volverán poboar a cidá de Borneiro coas tradicionais recreacións e obradoiros castrexos da man da Asociación Cultural Lungdunum.

Ademais, as persoas asistentes tamén poderán gozar de visitas animadas con Yago Espasandín, e a banda de gaitas O Son do Castro, as acrobacias de Circo Chosco e o concerto de Carapaus, ás 21.00 horas, que completará as actividades.

Tamén haberá un posto solidario da Asociación de Loita contra o Cancro, de Cabana, para que as persoas que o desexen poidan colaborar na loita contra esta doenza. Desde o goberno local destacan a súa “ledicia por poder retomar con total normalidade un dos eventos máis arraigados no municipio” e agardan que “todo o mundo que asista poida achegarse dun xeito lúdico ao noso pasado castrexo”.

07 jul 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.