Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Detectan un brote de gastroenterite entre os veciños e veciñas de Muxía

O Concello está a facer análises da auga da traída municipal e recomenda non bebela ata que se coñezan os resultados definitivos

O Concello de Muxía, logo de coñecer que un número importante de veciños e veciñas da capital local e tamén doutras parroquias están afectados por síntomas de gastroenterite, procedeu esta mañá a facer un control urxente básico dos parámetros de potabilidade da auga. “Os resultados dos análises non amosaron ninguna anomalía e foron normais, dentro dos parámetros de potabilidade”, afirman, despois de analizar os diferentes depósitos de abastecemento do municipio.

Non obstante, dada a importancia e magnitude de persoas afectadas (máis de 40) unha empresa especializada no análise de augas está procedendo a facer un control máis especializado para poder dar a información concreta con documentación precisa a toda a veciñanza, polo que, de momento, dende o Concello recomendan que non se beba auga da traída municipal ata coñecer os resultados definitivos.

O alcalde, Iago Toba, asegura que está en “permanente contacto con responsables médicos e autoridades sanitarias autonómicas para intercambiar información e coordinar as posibles accións a adoptar”. Ao respecto das analíticas que está a facer a empresa contratada “haberá que esperar alomenos 24 horas para coñecer os resultados definitivos”, afirmou. Engadiu ademais que “non escatimaremos medios para determinar a causa, pois a saúde pública é o primordial”.

Sinalar que entre os afectados hai persoas que non consumiron auga da traída municipal, e tamén veciños doutras parroquias que se abastecen doutros depósitos distintos, polo que non se descarta que a causa poida ser outra e non o abastecemento, aínda que o alcalde quere ser prudente “pois, de momento, non podemos confirmar nin desmentir este aspecto”.

Desde o Concello lamentan “as molestias que poida ocasionar este imprevisto e estamos traballando para aportar información en tempo real do que vaia ocorrendo e localizar a posible orixe deste problema gástrico nos veciños e veciñas de Muxía”, conclúen.

30 sep 2021 / 13:34
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.