Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Impulsáronse o ano pasado na Costa da Morte dezaoito plans para dinamizar o rural

Alcanzou o apoio da Xunta os 1,3 millóns // Trenor analizou na Laracha a situación actual cos xerentes do GDR e do GALP

O ano pasado a Xunta impulsou un total de dezaoito proxectos de dinamización rural na Costa da Morte cun investimento de máis de 1,3 millóns de euros. Así o avanzou onte o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, que mantivo, acompañado polo alcalde da Laracha, José Manuel López, un encontro de traballo co xerente do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Costa da Morte, José Antonio Vila, e co xerente do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) Costa da Morte, Guillermo González.

Ambos grupos teñen como obxectivo dinamizar e impulsar o desenvolvemento do rural e no encontro analizáronse a situación actual e as estratexias a curto e medio prazo. En relación co traballo que realiza o GDR na comarca, lembrou que agrupa os concellos de Cabana de Bergantiños, Camariñas, Carballo, Carnota, Cee, Corcubión, Coristanco, Dumbría, Fisterra, A Laracha, Laxe, Malpica, Mazaricos, Muxía, Ponteceso, Vimianzo e Zas.

Trenor destacou que en 2020 se puxeron en marcha na comarca nove proxectos, que mobilizaron 1,4 millóns de euros con axudas que ascenderon a 431.000 €.

O obxectivo destas actuacións foi impulsar o desenvolvemento rural a través dunha estratexia plenamente participativa e baseada nun enfoque “de abaixo a arriba”, de forma que se garanta a participación activa dos principais axentes locais nestas políticas, a través do labor dos GDR. Polo tanto, estes fondos teñen unha repercusión moi positiva sobre o tecido social e económico de zonas rurais.

O delegado territorial lembrou que a Xunta distribuirá un total de 7,3 millóns de euros entre os 24 GDR galegos, para garantir a continuidade da súa actividade durante os anos 2021 e 2022. Trátase de que, grazas a estas achegas, poidan proseguir coa implementación das estratexias nos distintos territorios mediante a selección de novos proxectos que contribúan a acadar un maior grao de desenvolvemento das áreas rurais, dentro da Leader.

A maiores, mediante estas achegas dase cumprimento ao establecido polo Plan de Reactivación deseñado pola Consellería do Medio Rural no que atinxe ao apoio aos GDR para impulsar medidas para sectores como o agroalimentario, o gandeiro, o forestal, o turístico, o ambiental ou o do pequeno comercio.

En relación co GALP, Trenor informou que no ano 2020 desenvolvéronse na comarca 9 proxectos con axudas que ascenderon a 900.000 euros. Deste importe o GALP dedicou o 94,4 % ao desenvolvemento de proxectos produtivos e o 5,6 % a proxectos non produtivos. Este grupo aglutina a 51 entidades sociais e a vove concellos: Cabana de Bergantiños, Camariñas, Carballo, A Laracha, Laxe, Malpica, Muxía, Ponteceso e Vimianzo.

O representante autonómico destacou que os obxectivos do GALP son o fomento e diversificación produtiva da pesca artesanal, a competitividade sostible das actividades relacionadas co mar e a capacitación e ampliación das competencias dos sectores económicos e sociais.

Trenor informou que os grupos de acción local do sector pesqueiro galego contarán cun apoio da Xunta de máis de cinco millóns de euros para asegurar a continuidade da súa actividade durante os anos 2021 e 2022.

23 ene 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.