Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Liberan de maleza e lixo os ríos Rosa e Cambeda en Dumbría e Vimianzo

Os traballos, promovidos por Augas de Galicia, abranguen case oito quilómetros en ambas cuncas fluviais

Dumbría. A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, executa actuacións de conservación e limpeza nas contornas dos ríos que atravesan os concellos de Dumbría e Vimianzo.

No municipio dumbriés, as brigadas están a actuar no treito interurbano do río Rosa. Os traballos estanse a desenvolver nun tramo de máis de 1,3 quilómetros de lonxitude, ao seu paso polo lugar da Laxe, na parroquia do Ézaro. As tarefas céntranse na retirada de árbores e pólas caídas na canle para evitar atoamentos, así como a recollida do lixo do leito.

Unha vez finalizadas estas actuacións o río quedará despexado de maleza, posibilitando así a circulación fluída das súas augas.

Pola súa banda, en Vimianzo as actuacións de conservación e limpeza centráronse nos treitos interurbanos do río Cambeda. Os traballos desenvolvéronse en días pasados en varios tramos, ao seu paso por distintos lugares das parroquias de San Xoán de Cambeda, San Xoán de Calo e San Vicenzo de Vimianzo.

As actuacións neste río foron levadas a cabo ao longo de treitos que suman unha lonxitude total de 6,5 quilómetros. As tarefas centráronse na retirada de árbores e pólas caídas na canle, así como da madeira morta para evitar atoamentos.

Augas de Galicia desenvolve estas accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa, no ámbito territorial Galicia-norte e as súas zonas de acceso e protección.

Os traballos contribúen á mellora dos leitos fluviais para acadar condicións naturais do ecosistema que favorezan os aspectos medioambientais e de uso social na contorna do río, segundo destacan dende a Consellería de Infraestruturas.

A LARACHA. Pola súa banda, as brigadas medioambientais do Concello da Laracha levan varias semanas traballando na limpeza e acondicionamento do entorno do río Anllóns. Os labores consisten, esencialmente, na eliminación da maleza para facilitar o tránsito a pé e a limpeza integral do lixo e da materia vexetal. O obxectivo, segundo sinalan dende o Concello, é “poñer en valor as áreas de especial riqueza natural e paisaxística e o patrimonio que conforman as cuncas dos ríos”. M. L.

31 may 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.