Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Cee. María González e Paula Castiñeira recuperaron a historia e feitos destacados da antiga factoría baleeira co documental ‘A costa das baleas’ // Nela xurdeu unha conciencia feminista e convocouse a primeira folga da Costa da Morte TEXTO J. Ramos

Liberan do olvido e reivindican unha nova vida para Caneliñas

Despois de varios meses dun intenso e emocionante traballo, María González e Paula Castiñeira, dúas xoves xornalistas de Cee, estrearon este venres, día 2, A costa das baleas, un documental que revive a historia e libera do olvido a antiga baleeira de Caneliñas e, ao mesmo tempo, reivindica unha “segunda vida” para este importante enclave en forma de museo, centro de lecer “ou algo que permita coñecer o que realmente alí pasou, porque é moi importante coñecer a nosa historia”, afirman as autoras.

Na súa produción, que xa se pode ver na web acostadasbaleas.com e nas redes sociais, xuntaron testemuñas do pasado e tamén voces do presente de diferentes ámbitos que, como María e Paula, abogan por recuperar e poñer en valor o legado patrimonial, actualmente en ruínas, e tamén a historia desta industria que xogou un papel moi importante na economía da Costa da Morte.

Están sorprendidas e moi agradecidas, “tanto pola acollida que tivo o noso proxecto como pola resposta da xente que contactou con nós, o cal axudou a que tivera moito máis contido do que tiñamos plantexado”. O documental, que xurdeu como un traballo de fin de máster, traspasou as fronteiras da Universidade de Santiago, e espertou unha gran conciencia “algo que para nós é todo un orgullo”, afirman.

Sabían que había material e unha historia parcialmente contada “pero que non chegara á xente”. De feito, “preguntabas á xente nova, e outra non tan nova, e algúns sabían que houbera unha baleeira pero descoñecían a súa historia”.

As propias María e Paula se viron sorprendidas polo moito material que chegaron a recoller, e pola propia historia desta factoría, na que se produxeron feitos “que nin imaxinábamos, que pensamos que se producen só a un nivel máis global, pero que tivemos ao lado da casa”. Por exemplo, engaden, na baleeira impulsada polos noruegueses “fíxose a primeira folga da Costa da Morte polas pésimas condicións da xente que traballaba alí, mesmo traballaron nenos sen cobrar”. A factoría foi tamén o xerme dunha conciencia feminista “da que nin as propias mulleres que alí traballaban foron conscientes”. Facían os labores máis duros, cobraban menos e traballaban máis horas, ata que “chegou un momento no que loitaron por igualar as condicións e salarios”.

A caza das baleas espertou tamén unha conciencia ecoloxista que desembocou mesmo en atentados, chegando a poñerse unha bomba en Corcubión. “É unha historia que impacta e non te das conta do que alí sucedeu ata que o coñeces”.

María e Paula quixeron complementar o seu documental con historias paralelas e individuais, recollendo testemuñas de antigos traballadores e de xentes da zona, como Joaquín Gameiro, propietario dun hostal no Ézaro, no que acolleu aos xaponeses que viñeron a ensinar as técnicas para cortar a carne. Outros, como Julio, fillo do último director da factoría, contan a historia dende unha perspectiva máis actual “cunha conciencia de que a caza das baleas non está ben, aínda que el medrou entre coitelas e baleas”. Escritores, artistas e xentes da cultura que se inspiran en Caneliñas tamén aportaron as súas voces reivindicativas para que este legado non morra no olvido.

Despois da experiencia, as xoves xornalistas din estar “moi contentas polo traballo feito, e porque aprendemos a valorar a nosa historia e a reivindicar unha parte da nosa zona que está esquecida e en ruínas. Moita xente tamén o demanda a través das redes coa esperanza de que chegue aos oídos de quen realmente poida facer algo nese sentido”.

03 jul 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Cee
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.