Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Mantemento garantizado de espazos públicos e vías de Vimianzo

TERRA DE SONEIRA. O Concello de Vimianzo adxudicou por tres anos o contrato de mantemento e reparacións urxentes por un valor de 151.871,99 euros cada anualidade. “Queremos que o noso concello, os seus 133 núcleos conten cunha imaxe apropiada. Que os accesos ás vías municipais e o resto de espazos estean en boas condicións”, argumenta o tenente de alcaldesa, Víctor Muíño, quen avanza que “é a primeira vez que se vai comezar con este servizo na primeira quincena de abril.”

O contrato inclúe o saneamento e limpeza en áreas urbanas ou rurais; a roza nos paramentos; a reparación, mantemento e servizos asociados relacionados coas estradas municipais; o mantemento de árbores; a eliminación de maleza e roza; a poda de árbores e setos; limpeza e tratamento de parques infantís, áreas recreativas e merendeiros; barrido de rúas e beirarrúas; baleirado de sumidoiros; eliminación de pintadas e limpeza de aparcadoiros e prazas públicas.

Con este servizo garantirase o mantemento do patrimonio do municipio en boas condicións, coa conseguinte proxección da boa imaxe para o turismo, coidando os accesos tanto ás rutas de senderismo, como á dos dolmens ou resto de emprazamentos de especial interese, como os penedos de Pasarela e Traba ou o porto de Cereixo.

O tenente de alcaldesa, Víctor Muíño, insiste na necesidade “real en todo o termo municipal de garantir para a veciñanza unha cobertura total deste tipo de servizos, imprescindible para que os espazos públicos de Vimianzo conten coas condicións axeitadas durante todo o ano, máis despois dunha época de chuvias como a que estamos a vivir”, incide, ao mesmo tempo que adiantou que “o equipo de xardinaría xa traballa arreo para preparar as nosas zonas verdes de cara á primavera”.

31 mar 2021 / 19:33
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.