Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Mellorarán co Plan Marco 16 camiños na Costa da Morte

En Vimianzo xa acondicionaron estradas nos lugares de Calabanda e o Campo de Pasarela

O Plan Marco da Xunta de Galicia contempla un investimento de 321.000 euros na mellora de dezaséis camiños nos concellos de Bergantiños e Costa da Morte, segundo confirmou onte o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, durante a súa visita ao municipio de Vimianzo.

Acompañado pola alcaldesa, Mónica Rodríguez, e pola portavoz do PP vimiancés, Raquel Rodríguez, Trenor comprobou o resultado das obras de mantemento e mellora realizadas o ano pasado en varias estradas dos núcleos soneiráns de Calabanda e Campo de Pasarela. O investimento neste caso superou os 49.000 euros.

O delegado da Xunta sinalou que o obxectivo deste plan “é mellorar as condicións de vida dos residentes nas áreas rurais, que pasa por mellorar as dotacións existentes en infraestruturas básicas, ao tempo que desenvolvemos actuacións dirixidas á mellora dos servizos básicos para a poboación rural”.

Neste senso, apuntou que “as infraestruturas rurais xeran cohesión social e territorial, mellorando as condicións de vida e de traballo”. Con estas obras, engadiu, “buscamos por unha banda facilitar a accesibilidade e a vertebración do territorio e, por outra, contribuír ao aumento da competitividade agraria e forestal. Desta forma, facilítase o tránsito de maquinaria, o que redunda nunha maior axilidade das operacións e nunha redución dos custos e dos tempos necesarios para poñer os produtos no mercado”.

Así, a finalidade do plan “é darlle un pulo ás condicións de vida nas aldeas mediante o acondicionamento das vías que dan acceso ás parcelas agrarias, que son as canles de entrada e saída das producións rurais”, afirmou o delegado territorial.

O Plan Marco está cofinanciado nun 75% con fondos Feader do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia e ten como obxectivo a ampliación, mellora ou mantemento dos camiños municipais que faciliten os accesos a zonas habitadas.

14 oct 2020 / 18:05
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.