Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Polémica en Vimianzo ante a renuncia da empresa que presta o SAF ao seu contrato

O goberno local traslada unha mensaxe de “total tranquilidade” // Adiante Vimianzo achácao a “incapacidade” do goberno local // O PP di que se “repite a historia” do anterior executivo e culpa a Antelo de privatizar o servizo

A empresa concesionaria do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) de Vimianzo notificou ao Concello que o vindeiro 31 de outubro deixará de prestar a asistencia. Alega que non lle é viable económicamente xa que están prestando un número maior de horas das que tiñan contratadas cando lles foi outorgada a concesión por un período de catro anos.

Dende o goberno local insisten en trasladar unha mensaxe de “total tranquilidade, en tanto as garantías do servizo, así como a todas as persoas usuarias e familias, que non van deixar de ser atendidas en ningún momento”. Aseguran que “non se lle debe ningunha hora á empresa adxudicataria” e o Concello ten plena capacidade para “en 24 ou 48 horas cubrir unha alta nova no servizo”.

Lembran que en febreiro de 2018 o Concello asinou un contrato administrativo coa empresa Idade de Ouro Servizos Sociosanitarios S. L., a cal ofertou un prezo por hora no SAF básico de 14,74 euros por hora de atención prestada, namentras que no de dependencia era de 13,94 €/hora. A duración do contrato está fixada en catro anos, con posibilidade de prórroga de dous máis.

Actualmente hai máis de 100 persoas usuarias no servizo, “polo que debería haber dúas coordinadoras diplomadas en Servizos Sociais, namentres que soamente existe unha”. Sinalan ademais dende o Concello que en 2018 computáronse 4.447 horas, e ata o 30 de setembro de 2020 subiron a 5.793 no SAF básico. “Na licitación sacáronse 2.900 horas ao ano. A empresa ofertou case o 10% por debaixo do prezo de licitación. A falta de previsión do aumento de horas ou da demanda do servizo cos anos é mais que notoria”, sinalan. Destacan ademais que “non hai ninguén en lista de espera nestes momentos”.

Sinlana asimismo que desde o Concello, “a responsabilidade que temos agora mesmo é a de esixir á empresa que cumpra con este contrato, tal e como está redactado e nas condicións asinadas polo goberno que o contratou”.

Namentras, dende a oposición amósanse críticos coa situación. Así, Adiante Vimianzo lamenta que “se poña en perigo o servizo pola incapacidade do goberno municipal”, ao que acusan de non ser quen de xestionar un problema “que leva seis meses enriba da mesa e do cal non informou en ningún momento ao resto da Corporación”. Sinalan ademais que o executivo “non foi capaz de tomar ningunha determinación, demostrando unha incapacidade de diálogo e cohesión que nos levou a esta situación extrema”.

Lembran que o servizo “colleu un impulso” nos anos que gobernou Adiante Vimianzo, e resaltan o incremento nas horas de dependencia prestadas, “que aumentaron máis do triple ao longo destes últimos anos, cunha caída no 2020”. Aseguran que o SAF “é un piar fundamental, sobre todo nestes momentos tan complicados que estamos vivindo, polo que o goberno municipal debería apostar por incrementalo”.

Pola súa banda, dende o PP expresaban a través das redes sociais o seu malestar coa situación, lembrando que o seu grupo “sempre mantivo que tiña que ser un servizo xestionado directamente polo Concello”, e din que agora periga por discrepancias económicas entre a empesa adxudicataria e o goberno. “Repítese a historia que xa acontecera co anterior executivo, presidido polo nacionalista Manuel Antelo, que foi o responsable da privatización do servizo”. Os populares aseguran que “seguiremos a mantendo o noso compromiso e aposta por este servizo esencial para as familias e do que dependen moitos postos de traballo. O SAF non se toca”, conclúen.

17 oct 2020 / 18:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.