Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Premios ao saber na Olimpíada Cultural do IES Fernando Blanco, de Cee

Este martes, día 22, disputouse a gran final da 10ª Olimpíada Cultural O Saber ten Premio no IES Fernando Blanco, de Cee, á que chegaron tres equipos, despois de dúas voltas de probas clasificatorias, consistentes nun xogo informático no que tiñan que responder a unha batería de 30 preguntas seleccionadas ao chou dun banco de máis de 900 que versan sobre todas as materias e módulos das ensinanzas que se imparten no instituto. Os finalistas foron The Black Parade, formado por Martín Hernández Abad, Iván Quintáns Trillo, Gabriel Valdomar Canosa e Guillermo Suárez Lado; Enxebre con Pedro Gallart Mancha, Alexander Rodríguez González, Yago Mariño Canosa e Xurxo Caamaño Vázquez; e Cero á esquerda, integrado por Isabel Díaz Jallas, José F. Suárez Tajes, Marco Miranda Ferrío e Mateo Buschmann Bella.

A proba final constou de dúas partes, resultando gañador o equipo Enxebre (600 €), seguido de The Black Parade (400) e Cero á esquerda (300). Os premios foron entregados por representantes das empresas patrocinadoras: Pedro Escudero, de Xeal; Benito Coiradas, de Compucee; e Severo Roget de Ferretería Roget.

Nesta ocasión, por mor da pandemia, a gran final tivo un formato mixto. No salón de actos estiveron os equipos finalistas, algúns membros das súas familias, os patrocinadores, o grupo de 1º da ESO e a comisión organizadora, e o resto do alumnado e profesorado asistiron desde as súas aulas ao acto de forma virtual a través de Cisco WebEx.

A directora do instituto, Chelo Trillo, fixo unha intervención na que salientou o traballo que supón a organización dun acto destas características e agradeceu ese traballo e por suposto a colaboración económica das empresas patrocinadoras, “sen a cal non se poderían dotar os premios”. Animou, tamén, ao alumnado a seguir aprendendo e mellorando como persoas porque ao final o saber sempre ten premio.

A proba estivo presentada e conducida por Diego Carril, profesor do centro. Constou de dúas partes: un xogo informático de preguntas e un debate baixo o lema Aprendemos algo da pandemia?. Un xurado composto por profesorado do instituto valorou a orixinalidade, pertinencia e adecuación, respecto ás quendas de palabra, puntualidade, colaboración, traballo en equipo, oratoria e estilo, coherencia, claridade, elocuencia, espontaneidade,...

Nos intervalos de descanso entre probas, proxectáronse varios vídeos para amosar a creatividade demostrada polo alumnado de 4º da ESO nos audiovisuais que fixeron sobre Xela Arias nas clases de lingua galega, as actividades extraescolares e complementarias que se puideron facer neste curso e outro sobre a figura de Fernando Blanco de Lema, elaborado polos profesores Elvio Antelo e Marcos Eijo.

22 jun 2021 / 18:01
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Cee
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.