Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Primeiro paso para homologar o roteiro dos Penedos de Pasarela e Traba

A alcaldesa de Vimianzo e o seu homólogo de Laxe presentaron o proxecto á directora de Turismo // O obxectivo, din, é conservar, dinamizar e protexer toda a contorna

Os Concellos de Vimianzo e Laxe continúan traballando na posta en valor da Paisaxe Protexida dos Penedos de Pasarela e Traba, buscando, entre outros obxectivos comúns, a homologación da ruta de sendeirismo creada na contorna.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, mantivo este venres unha reunión coa alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez; o rexedor de Laxe, José Luis Pérez Añón; o técnico de Deportes vimiancés, Víctor Santos, e a técnica de Turismo laxense, María José Mato, na que avaliaron a folla de ruta que se está a seguir desde que en novembro do ano 2019 os dous concellos proxectaran unha serie de accións coordinadas para impulsar un Plan Estratéxico conxunto da Paisaxe Protexida. A Xunta de Galicia xa anunciou a licitación do Plan de xestión e os concellos están aportando a documentación requerida.

Consideran que a homologación da ruta de sendeirismo “é indispensable non só para os nosos municipios, senón para a Costa da Morte e toda Galicia”. Hai que sinalar que o roteiro aproveita sendeiros tradicionais e servidumes de paso, a través das cales é posible percorrer unha dorsal que se alonga dende a Torre da Moa, pasando pola Pena Forcada, ata o Outeiro da Cachucha, con miradoiros naturais únicos sobre o val de Traba.

Este espazo alberga tamén unha importante variedade de flora na que predominan as matogueiras coma os toxos, uces, breixos e sobre todo as queirugas, catalogadas de interese comunitario pola Unión Europea. “O noso obxectivo prioritario é conservar, dinamizar e protexer toda a contorna do Penedos de Pasarela e Traba”, declararon ambos rexedores.

Por outra banda, tamén agradeceron a disposición da directora xeral, Nava Castro, por telos recibido na sede de Turismo de Galicia, “e agardamos que este sexa un primeiro paso para conseguir o noso obxectivo, que os galegos e galegas poidan gozar dun lugar único no mundo”.

11 jun 2021 / 22:05
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.