Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Recollen 17 sacos de lixo plástico ás beiras do río Porto

Dez voluntarios apoiaron a iniciativa de PX e Mar de Fábula // Prevén volver en primavera

As asociacións Mar de Fábula e PX, co apoio de dez voluntarios, limparon onte a contorna do río Porto, ao seu paso pola Ponte do Porto (Camariñas). En dúas horas de traballo encheron 17 sacos de cen litros de capacidade con todo tipo de residuos plásticos, e recolleron dúas boias grandes e un pneumático.

Ademais, atoparon moitos restos de ferro e a estrutura dunha carrilana acuática, da cal xa deron conta ao Concello para que proceda a retirala da beira do citado río.

O portavoz de Mar de Fábula, Xosé Manuel Barros, botou en falta unha maior participación de voluntarios pero, a pesares de todo, asegura que “fixemos un traballo importante”. Centráronse nas zonas de A Xunqueira e Dor e, como aínda queda moito lixo na ribeira, os participantes emprazáronse para volver limpar na primavera “cando se den unhas condicións máis axeitadas e coa confianza de que participe máis xente”.

Barros destaca que se trata “dunha zona moi fermosa e cun gran valor paisaxístico, que se ve deteriorada pola presenza do lixo”.

Paralelamente, este sábado o colectivo Mar de Fábula tamén organizou unha nova xornada de limpeza da praia de Bens (A Coruña), en colaboración coa Oficina de Medio Ambiente da UDC. Trátase, segundo indicou Barros, “dun areal no que se acumula gran cantidade de lixo, principalmente residuos de tipo hixiénico-sanitario”.

NOIA. Na axenda da asociación ambiental teñen marcada xa unha nova cita o vindeiro 30 de outubro. Nesta ocasión desprazaranse ata Noia para colaborar no proxecto impulsado pola confraría da localidade para recuperar a biodiversidade e os recursos nos bancos marisqueiros.

O portavoz de Mar de Fábula asegura que aportarán a a súa experiencia a unha iniciativa na que se involucrarán os mariscadores e mariscadores da ría noiesa. Trátase dun ambicioso proxecto que terá continuidade o vindeiro ano e que contempla nove limpezas nos bancos de Testal, San Cosme e Broia.

17 oct 2020 / 17:06
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.