Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Recuperan a cualificación de “aptas” as augas da praia de Camelle

Así o avalan os controis de Sanidade logo de que se acondicionase a rede de saneamento

A praia de Camelle vén de conseguir a cualificación de “Boa” nos controis efectuados na temporada de baño do 2020, segundo lle confirmou a Consellería de Sanidade ao Concello de Camariñas. Esto implica que este verán desaparecerá o cartel de ‘Auga non apta para o baño’ e o areal quedará incluído no censo oficial de praias das que poderán facer uso os bañistas.

Un bo resultado que referenda “que están a ser efectivas as medidas levadas a cabo polo goberno local para reverter os malos resultados dos últimos exercicios”, afirman dende o concello.

Ata o pasado verán, cando o executivo local lle solicitou á Xunta de Galicia que volvese a incluír a Camelle no censo, a praia carecía dos controis oficiais ao non estar excluída debido aos malos resultados dos últimos exercicios. No 2019, no transcurso dos traballos de renovación das rúas Nova e Porto, detectouse que os sumidoiros dalgunhas vivendas particulares estaban vertendo na recollida de pluviais, polo que remataban no mar e isto influía na mala calidade das augas.

Naquel momento o goberno local levou a cabo unha obra de adecuación da rede de saneamento que agora comeza a dar os seus froitos. “É unha boa nova que os resultados dos controis da Xunta coincidan cos datos que arroxaban as analíticas que realizamos”, explicou o concelleiro de Medio Ambiente, Sergio Caamaño, que tamén engadiu que “o resto das praias, agás Area da Vila, recibiron a clasificación de Excelente”.

Area da Vila

O goberno local tamén está traballando arreo para que a outra praia do municipio que se atopa fóra do censo, a de Area da Vila, poida ser reincorporada. O pasado ano leváronse a cabo dúas melloras no saneamento para solucionar os vertidos ao mar que se estaban a producir e intentar así mellorar a calidade da súa auga.

“De todos modos, temos que seguir traballando e polo momento este verán si que teremos que colocar o cartel de ‘Auga non apta para o baño’ en Area da Vila”, comentou Sergio Caamaño, que aproveitou para indicar que “a nosa aposta por ter uns areais de calidade é clara e, nese sentido, vimos de efectuar durante a Semana Santa a limpeza de todas as praias do municipio para telas nun estado óptimo de cara ao verán”.

13 abr 2021 / 16:10
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.