Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Setenta mulleres utilizaron os servizos do CIM de Zas

Demandaron asesoramento xurídico e psicolóxico // O centro da cobertura tamén aos concellos de Vimianzo, Cabana e Laxe

O Centro de Información á Muller (CIM) de Zas atendeu durante o pasado ano a un total de 73 mulleres e recibiu máis de trescentas consultas.

En concreto atenderon 316 solicitudes de todo tipo, sendo as máis numerosas as que se engloban no apartado de asesoramento xurídico, que sumaron un total de 110 consultas. Ademais, rexistraron cen peticións de atención psicolóxica, cincuenta e seis doutras cuestións máis xenéricas, vinte e sete de atención directa a vítimas de violencia machista e vinte e tres sobre os distintos recursos existentes.

O CIM zaense non só atente a mulleres e vítimas de xénero do municipio, senón que tamén da servizo a veciñas dos concellos de Vimianzo, Cabana e Laxe.

Trátase dun servizo gratuíto que leva en funcionamento dende o ano 2001 e que atende as demandas de mulleres de forma personalizada e confidencial. Está atendido por un equipo formado por unha psicóloga, unha asesora xurídica e unha axente de Igualdade, que facilitan información sobre cuestións xurídicas en canto a separacións, divorcios...; axuda psicolóxica, laboral e educativa, así como calquera outra información encamiñada a fomentar a igualdades das mulleres

Ademais, dende o centro de información zaense tamén informan e asesoran ás mulleres sobre os recursos existentes para a prevención da violencia, e préstanlle axuda ás vitimas do machismo, segundo informan dende o Concello de Zas.

O centro está ubicado no antigo edificio da Cámara Agraria de Zas, no número 40 da Travesía de Santiago. As persoas que precisen dos seus servizos poden poñerse en contacto co persoal técnico a través do número de teléfono 981 708303 en horario de 8.00 a 15.00 horas, de luns a venres.

ACTIVIDADES. Dende o Centro de Información á Muller de Zas realizan ademais ao longo do ano diferentes actividades encamiñadas a promover igualdade e a loitar contra a violencia machista.

Un dos programas de maior éxito, e que realizan ano tras ano, son as actividades para adultos, nas que se inclúen clases de ximnasia, zumba, pilates e bordado, entre outras.

O pasado ano participaron nas mesmas un total de 232 mulleres e 57 homes, aínda que tiveron que ser interrumpidas pola pandemia sanitaria da COVID.

As accións do CIM zaense intensifícanse en datas como o 8 de marzo, Día Internacional da Muller, e o 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. Con motivo destes días sinalados organizan diferentes obradoiros e charlas, que se desenvolven principalmente nos centros educativos do municipio.

Ademais, o Concello de Zas está adherido ás campañas Na Costa da Morte rompemos o silencio, impulsada polo Grupo de Desenvolvemento Rural; e En negro contra as violencias, ao amparo da cal promoven diferentes accións de sensibilización social contra as violencias machistas entre os colectivos sociais.

Ademais de Zas, na Costa da Morte tamén dispoñen de centros de información á muller os concellos da Laracha, Carballo, Cee e Muxía. Nesta última localidade veñen de desenvolver o proxecto Cociñando relacións, co que se achegou á temática da igualdade de oportunidades á mocidade, mulleres e homes.

A iniciativa centrouse tamén na análise dos procesos de socialización como factor determinante da creación das identidades de xénero, e achegou novas formas e modelos de desenvolvemento persoal e social aos participantes para ofrecerlles espazos de encontro nos que compartir vivenzas persoais en clave de igualdade.

21 ene 2021 / 18:10
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Zas
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.