Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Tentarán recuperar os bancos do Ariño danados pola riada

Detectaron unha importante mortandade de marisco // Os mariscadores de Camariñas van utilizar semente que recollerán en Area da Vila

As intensas choivas que trouxo a borrasca Karim e as consecuentes riadas provocaron unha alta mortandade nos bancos de marisco do Ariño, ubicados na desembocadura do río Grande, en Camariñas. O exceso de auga doce afectou especialmente ao berberecho, aínda que tamén danou as existencias de ameixa xapónica e fina, segundo confirmou o patrón maior, José Ramón Lema.

Por iso, a intención da directiva da agrupación de mariscadores é demorar a volta á actividade, para evitar danar a cría que sobreviviu. Ademáis, esta semana teñen pensando comezar xa a repoboar as zonas afectadas replantando semente que recollerán en Area da Vila.

O obxectivo é sementar un pouco de todo, ca esperanza de que “de cara ao verán, se o tempo nos acompaña, poidamos dispoñer de novo de berberecho, pois esta especie medra rápido e iso facilita a súa recuperación”, sinalou Lema Romero.

A maiores, a confraría xa mercara un millón de exemplares de cría para repoboar os seus bancos marisqueiros.

Inicialmente a intención do colectivo de mariscadores era poder traballar uns días antes da Semana Santa para atender a demanda deste periodo vacacional, pero ante a situación actual e dado que preto do noventa por cento dos profesionais están acollidos ás axudas por cese, “a idea é retomar a actividade a finais de maio, cando xa estén abertos tamén os restaurantes”.

A actual directiva da agrupación de mariscadores, dende o comezo do seu mandanto, é partidaria de concentrar as xornadas de traballo en épocas de maior demanda para así obter unhas mellores cotizacións do marisco e evitar unha sobreexplotación.

11 mar 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Mar
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.