Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Un encontro de palilleiras abrirá a trinta Mostra do Encaixe de Camariñas

Celebrarase do 8 ao 12 de outubro // Desfiles de moda, obradoiros, concursos, exposicións e música complementarán o gran escaparate de puntillas

A trixésima edición da Mostra do Encaixe Deputación da Coruña, de Camariñas, xa ten programa oficial. Celebrarase do 8 ao 12 de outubro e a inauguración terá lugar o venres 8 ás 17:00 horas coa celebración dun acto institucional. Ese mesmo día haberá a partir das15.30 horas un encontro de encaixeiras e encaixeiros da Costa da Morte con obsequio do Grupo Cerdeimar, onde participarán tamén as Escolas Infantís Municipais. Ás 18.00 horas será o desfile PequEncaixe, que dará paso á presentación da pasarela de firmas co modelo internacional Damián Álvarez.

Na segunda xornada está previsto un novo encontro de encaixeiras e encaixeiros e ás 12.30 agárdase a toma de contacto dos Noveis Deseñadores coa pasarela. Xa pola tarde, o segundo grupo desfilará ás 16.00 horas e ás 17.30 desfilarán os participantes na sección ArtEncaixe e De Mujer a Mujer, da ONG Egueire. Ás 19.30 horas celebrarase o desfile de Grandes Deseñadores.

Na xornada dominical haberá un recoñecemento ás palilleiras que participaron nas trinta edicións desta Mostra e ás 11:30 horas presentarase a plataforma de venda en liña do Concello de Camariñas: MerCamariñas. Despois darase a coñecer a equipación do conxunto Mostra do Encaixe Balonmán Camariñas cun recoñecemento a Alan Fuentes pola súa traxectoria no equipo local. Haberá novos desfiles PequEncaixe, de Grandes Deseñadores e Noveis Deseñadores e ás 20.00 horas terá lugar o encontro Falemos de moda entre grandes e noveis creadores.

Dous pavillóns

Nesta edición, a Mostra do Encaixe contará con dous edificios modulares adicionais. O pavillón A acollerá a exposición homenaxe aos stands internacionais e a colección de Yolanda Román, gañadora do 1º Premio do XXVI Concurso de Noveis Deseñadores e tamén da mostra Modo de traballar o liño da AVP O Santiaguiño de Zas.

No pavillón B haberá unha exposición retrospectiva adicada aos carteis de promoción da Mostra do Encaixe, actuacións folclóricas, servizo de cafetería e obradoiros artesanais para nenas e nenos. O martes 12 de outubro, os e as asistentes poderán observar unha proxección 3D sobre o Encaixe e o Concello de Camariñas, en horario de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 21.00 horas. O peche á edición deste ano chegará cun concerto da camariñana Belém Tajes.

Carlos Bardullas e Viviana Araujo

O estilista da Ponte do Porto, Carlos Bardullas, e a creadora de Estilo Aramar, Viviana Araujo na sección ArtEncaixe, formarán parte dos artistas participantes na XXX Mostra do Encaixe. Carlos Bardullas, que xa sorprendera ao público asistente na edición de 2019 cos seus peiteados con encaixe, repetirá sendo o actual gañador do Galardón Revelación Nacional na categoría de mellor estilista. Pola súa banda, Viviana Araujo, acudirá por primeira vez a esta sección novidosa de ArtEncaixe, no que amosará na pasarela camariñana as súas creacións, pezas de vestir e accesorios no que as teas manufacturadas cos bolillos cobrarán vida.

25 sep 2021 / 20:46
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.