Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Costa da Morte. Actuarán o 28 de maio no campo de fútbol de Dumbría // Este concerto é un paso máis na valorización da figura do monstro co que se atopou un monxe armenio en 1492 // Complementarase con arte e literatura TEXTO X. Carballo

Vákner xuntará a Luar na Lubre, Víctor Manuel e Ismael Serrano

Ao igual que na película de José Antonio Bayona, un monstro virá a vernos, neste caso á Costa da Morte. Será dun xeito menos onírico, pero igual de fantástico, aínda que cunha finalidade moito máis lúdica: para inspirar o I Festival Vákner, que reunirá en Dumbría por primeira vez en directo a outros tres monstros, no seu caso da música: Luar Na Lubre, Víctor Manuel e Ismael Serrano, estes dous últimos en calidade de amigos da banda liderada por Bieito Romero. De momento son, xunto coa artista local Alexandra Suárez, os artistas convidados que xa están confirmados, pero non se descartan máis.

O catalizador deste festival con vocación de continuidade será o Vákner, unha besta lendaria que decidiu rescatar en 2019 o Concello de Dumbría. Aínda que se discute sobre se era un touro, un lobo ou incluso un dragón, todo apunta a que se trata dun lobishome, segundo concluíu un simposio internacional celebrado no municipio para afondar na identidade do Vákner. Ata entón pouco máis se sabía del desde que se lle aparecese a un bispo armenio fai 6 séculos, entre os anos 1491 e 1493, na súa peregrinaxe por estas terras.

Este festival aspira a ser o gran encontro musical da Costa da Morte, pero non só a iso, pois celebrarase en maridaxe con outros ingredientes como a arte, a literatura ou a gastronomía. De feito, todo iso forma parte do proxecto Territorio Vákner, impulsado polo Concello de Dumbría, co que lidera desde 2019 unha aposta de territorio, de valorización do patrimonio inmaterial e de aproveitamento turístico na que quere implicar a toda a zona influída polo Camiño a Fisterra e a Muxía.

O concerto será gratuíto,malia que para controlar o aforo será preciso obter as entradas a través de www.ataquilla.com e de forma presencial nas instalacións municipais. As entradas, tanto on line coma físicas, estarán dispoñibles a partir do martes 19 de abril ás 10.00 horas.

O común denominador do festival, ademais do Vákner, será nesta primeira edición a música de Luar Na Lubre. O seu último traballo, que leva por título Vieiras e vieiros, historias de peregrinos, será presentado na Costa da Morte nun concerto especial por diferentes motivos. Será a primeira vez que Luar na Lubre actúe en Dumbría, saldando así unha débeda histórica con este concello, unha terra coa que a banda líder do folk galego ten unha enorme vinculación. Así o explica o seu líder, Bieito Romero: “Nos nosos 19 traballos, e a excepción do álbum Ribeira Sacra, aparecen cancións vencelladas coa Costa da Morte, da que me sinto moi preto. De feito, dei clases de gaita en Malpica de Bergantiños, Zas e Coristanco e resido nunha das entradas á mesma, en Arteixo. O vínculo emocional para min é enorme, pero ata o de agora deuse a circunstancia de que nunca tocáramos en Dumbría”.

Tamén destaca Romero a importancia da figura do Vákner, pola que o grupo apostou desde un principio dedicándolle un tema no seu último traballo. Pero ademais, será tamén a primeira vez que Luar Na Lubre, Víctor Manuel e Ismael Serrano coincidan nun directo en Galicia despois de ter colaborado en diferentes discos.

ESCULTURA. Pero non todo será música. En torno a esta proposta musical realizaranse diferentes iniciativas culturais, como a entrega de premios do certame literario Territorio Vákner, nas súas dúas categorías: escolar e adulto; ou o descubrimento dunha escultura do Vákner, entre outras. Todas as actividades desenvolveranse na mesma xornada, o sábado 28 de maio, en horario de mañá e tarde.

09 abr 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.